Pontevedra acolle todos os sábados un curso de Raspberry Pi para cativos

luns, 6 de febreiro do 2017 Redacción

Este sábado 4 de febreiro comezou en Pontevedra unha actividade destinada a abrirlles ás novas xeracións a porta da creación tecnolóxica e de recursos de intelixencia artificial. Trátase do Curso de Raspberry Pi, Scratch e iniciación á robótica para cativos de entre 8 e 12 anos. A actividade vén da man da empresa Anias, e as aulas desenvólvense nas mañás dos sábados (en horario de 11.30 a 13.00 horas) no Centro Social do Gorgullón, grazas á colaboración da Asociación de Veciños Eduardo Pondal. O eixe do obradoiro é a tecnoloxía Raspberry Pi, unha placa computadora de baixo custe desenvolvida pola fundación do mesmo co obxectivo de impulsar o ensino das ciencias da computación no ámbito docente.
O curso, unha actividade innovadora e creativa deseñada para axudar aos nosos rapaces “a afrontar os desafíos do século XXI”, inclúe no plano temático os seguintes contidos: instalación, configuración e primeiros pasos con Raspberry Pi; como tirar proveito de Raspberry Pi como centro multimedia e como computador persoal para ver cinema na casa HTPC; Raspberry Pi como máquina produtiva (aplicacións ofimáticas), manipulación de imaxes dixitais; programación co Raspberry Pi (aprender a programar con Scratch, primeiros pasos en Python) e iniciación á robótica.
Para as persoas que queiran obter máis información sobre esta actividade, dicirlles que poden facelo a través da conta extraescolares@anias.es ou os teléfonos 986 864 598 e 649346457.
Polo que respecta á empresa organizadora do obradoiro, trátase como dixemos de Anias, unha firma da nosa terra que centra o seu labor nos ámbitos de atención á nenez e a xuventude, a dinamización sociocultural, a formación e o tempo de lecer.

PUBLICIDADE