Pontevedra achega unha decena de obradoiros tecnolóxicos para a mocidade no verán

martes, 15 de xuño do 2021 S. P.

O Concello de Pontevedra, a través do edil de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou os días pasados a súa oferta de actividades de formación, lecer e conciliación para o verán, un programa moi centrado nas novas tecnoloxías e nas súas vertentes máis creativas e participativas. A nova edición de Ponteverán está dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 8 e os 35 anos e, aínda que son de balde, é necesario inscribirse en apuntate.pontevedra.gal. Amais da vertente tecnolóxica, que se traduce nunha decena de obradoiros, o programa apóiase noutras dúas gran patas: a natureza e a arte.
O concelleiro lembrou que Ponteverán volve un ano máis para “encher a cidade de actividades específicas para a mocidade, ofrecendo espazos para socializar, coñecer xente nova, facer novas amizades e desfrutar de todo o que ofrece a cidade e o verán”.
Asegurou que, ademais de dous minicampamentos, esta edición se centra en obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías por “tratarse dun ámbito que vén espertando un gran interese ao longo de edicións pasadas ao tempo que é un nicho de mercado de futuro e presente”.
A primeira das actividades comezará o 1 de xullo, e será o obradoiro artístico de creación audiovisual Reflexións, e a última terá lugar o 28 de agosto, que será a Celebración da Noite Europea dos Morcegos.
A continuación damos conta da programación polo miúdo:
-Minicampamentos:
Multiaventura Ollo Pontevedra que vamos (8-16 anos) (2-6 agosto)
Regreso á prehistoria (11-14 anos) (2-4 agosto)
-Obradoiros Artísticos
Creación audiovisual Reflexións (14-17 anos) (martes e xoves: 1, 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 xullo)
Mural artístico colectivo “Eduardo Pondal” (12-35 anos) (5-9 xullo)
Poesía expandida, creación artística e arte-factos poéticos (8-13 anos) (19-23 xullo)
Graffiti no Gafos (12-35 anos) (26, 27 e 29 xullo)
-Obradoiros de tecnoloxía e informática
Impresión 3D (8-12 anos) (5, 6, 7, 8 e 12 xullo)
Programación de aplicacións para móbiles(12-18 anos) (13, 14, 15, 19 e 20 xullo)
Holografía e VR (8-12 anos) (21, 22, 26, 27 e 28 xullo)
Robótica (8-12 anos) (2, 3, 4, 5 e 9 agosto)
Robótica (13-18 anos) (2, 3, 4, 5 e 9 agosto)
Programación de videoxogos (8-12 anos) (10, 11, 12, 16 e 17 agosto)
Programación de videoxogos (13-18 anos) (10, 11, 12, 16 e 17 agosto)
Informática: Windows 10 (12-35 anos) (ma-mé-xo do 6 ao 29 xullo)
Informática: seguridade na Rede (12-35 anos) (ma-mé-xo do 3 ao 26 agosto)
-Natureza e aire libre
Paddle surf no Lérez (iniciación) (15-35 anos) (17 xullo)
1º Curso de iniciación ao piragüismo (9-15 anos) (6,9,13 e 16 xullo)
2º Curso de iniciación ao piragüismo (9-15 anos) (20, 23,27 e 30 xullo)
Xincana de orientación nocturna (a partir dos 15 anos) (30 de xullo)
Observación astronómica no miradoiro de Verducido (a partir de 12 anos) (31 xullo)
Observación astronómica A vida dunha estrela nunha noite (18-35 anos) (13 agosto)
Celebración da Noite Europea dos Morcegos (a partir dos 8 anos) (28 agosto)


PUBLICIDADE