Ponteareas achegará os seus plenos en directo polo vieiro das redes sociais

martes, 17 de xaneiro do 2017 Redacción

O concelleiro delegado de Novas Tecnoloxías e Transparencia, Benito Márquez

O Concello de Ponteareas segue a dar pasos en materia de dixitalización, transparencia e participación tecnolóxica, logo do recente lanzamento da aplicación móbil de seu e do anuncio, en novembro, do plan para implantar no seu seo a ferramenta de Administración Electrónica da Deputación de Pontevedra. Agora, o Goberno local vén de informar de que vai retransmitir os plenos en directo a través das redes sociais. Para isto, o Concello optimizou o sistema de gravación das sesións municipais “para que se poidan seguir en directo e en tempo real”, coa instalación de cámaras de alta definición robotizadas de seguimento dos participantes. Asemade, o Concello mellorou o sistema de intervención e audio existentes, facendo que a calidade dos vídeos das sesións plenarias subise un novo chanzo. O sistema xa comezou a súa andaina. De feito, no pleno deste día 16 xa botou a camiñar en fase de probas e co obxectivo de verificar o seu correcto funcionamento.
Os veciños e internautas poderán seguir a partires de agora as sesións plenarias da corporación de Ponteareas en streaming a través da canle municipal oficial de Youtube, da canle municipal de Periscope, a través do canal municipal de Twitter e tamén a través da propia páxina web do Concello. O obxectivo do Concello é “dar unha maior difusión e transparencia” a un dos órganos principais do goberno da cidade, o pleno municipal, que celebra as súas sesións por norma xeral tódolos terceiros martes de cada mes a partires das 20:00 h.
O Executivo local tamén lembra que dende a pasada lexislatura xa se gravaban estas sesións para ofrecelas logo a través da web municipal, “pero sempre en diferido”. Porén, a nova iniciativa pon en xogo as tecnoloxías e recursos precisos para permitir fornecer os plenos en directo, “avanzando nun compromiso de transparencia” que, a xuízo do equipo de Goberno, é un dos lemas prioritarios do Concello. A este respecto, o concelleiro delegado de Novas Tecnoloxías e Transparencia, Benito Márquez, explica que “con esta iniciativa dáse un paso máis na modernización da Administración, avanzando cara unha institución máis aberta coas novas formas de socialización da sociedade”. Segundo afirma, “a retransmisión dos plenos en directo non só a través da páxina web municipal, senón tamén das redes sociais, fará que moita máis xente se achegue á xestión local e ás decisións máis importantes que son as que se toman nas sesións plenarias”. O concelleiro engade que a idea é “potenciar dende tódolos ámbitos e facianas un Concello máis aberto, máis transparente e responsábel, comprometido coa innovación e a calidade ao cidadán”. Ao fío disto, lembra que a arela principal consiste en facer o posíbel por “pasar dunha Administración do século XIX ao unha do século XXI adaptada á sociedade actual”.
A integración e posta en marcha deste novo sistema insírese dentro do Proxecto PonteInnova, iniciativa transversal que foi presentada en xullo do 2016 por Benito Márquez, quen salientou daquela as liñas básicas da estratexia: “Realizar diversas iniciativas no eido das novas tecnoloxías e da innovación de cara a conectar a institución municipal coa era dixital”.

PUBLICIDADE