Ponte Caldelas estrea aula de informática

venres, 6 de setembro do 2019 Redacción

Os equipos habilitados nunha imaxe cedida polo Concello

Ponte Caldelas (Pontevedra) vai afrontar o ano académico que se nos bota enriba máis e mellor conectada á contorna dixital. O motivo? A habilitación dunha aula de novas tecnoloxías na Casa da Cultura local: un espazo formativo dunha ducia de computadores avanzados (Intel Core 15 de oitava xeración con 8 GB de memoria RAM) e pantallas panorámicas de 24 polgadas. A posta a punto da aula de informática foi posíbel grazas aos fondos LEADER e FEADER, ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. A iniciativa supuxo un investimento de máis de 17 mil euros.
O espazo TIC tamén dispón tamén dunha pantalla para proxeccións de 2x2, dunha impresora multifunción láser color con capacidade para imprimir 27 páxinas por minuto, un portátil docente e un punteiro láser. A previsión é de que a partir de setembro comecen a impartirse cursos informáticos na aula, co fin de facer avanzar a alfabetización dixital da veciñanza e a súa empregabilidade. Segundo informa o Concello, un dos obxectivos é conseguir que a aula teña carácter itinerante, ou sexa, que parte dos seus recursos tecnolóxicos e e formativos sexa trasladado periodicamente a outros centros públicos do termo municipal co fin de combater cos equipamentos máis avanzadas a chamada fenda dixital.

PUBLICIDADE