Pont-Up Store volve a Pontevedra en setembro con 41 startups

venres, 30 de xullo do 2021 Pedro Pérez

A feira Pont-Up Store, referente no panorama estatal dos eventos de innovación e emprendemento, volve á súa actividade logo de adiar a súa VII edición o ano pasado por mor da COVID-19. A celebración terá lugar novamente na praza de España de Pontevedra durante os días 24 e 25 de setembro.
A organización realizou un proceso de selección que finalmente terá 41 starups galegas, 36 serán empresas con presenza de seu (stand), e outras 5 que só desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Como novidade, atópase un grupo de emprendementos que decidiron lanzarse ao mercado en datas recentes, a pesares de todos os atrancos impostos pola pandemia. O Pont-Up Store decidiu premiar esta valente acción abrindo nesta edición unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a persoas emprendedoras que puxeron en marcha a súa empresa en plena COVID-19.
A convocatoria extraordinaria foi un éxito, con máis de 5 candidaturas por cada praza dispoñíbel, entre elas varias radicadas en Pontevedra, destacando a innovación tecnolóxica aplicada co obxectivo de resolver problemas de espazo e mobilidade nas cidades. É o caso de EVOURBE, que vai presentar un sistema intelixente de xestión de aparcamento, e por outra parte VI&GO, que lanza un proxecto de mobilidade sustentábel mediante subscrición. Empresas do sector da alimentación, con espazos web para a compra dos seus produtos, e empresas do ámbito cultural, que ofrecen alternativas á difícil situación do sector, completan a convocatoria.
En canto aos emprendementos que xa foran seleccionados para participar na edición de 2020, atopamos unha participación multisectorial con moita diversidade cun denominador común, a innovación e creatividade. Gastronomía, moda, complementos, arte, sustentabilidade, rural galego e innovación tecnolóxica son os principais sectores que se inclúen nesta VII edición. Demostracións, podcast en directo, cursos de produción e stand son as algunhas das ferramentas que utilizarán as diferentes empresas para presentar seus traballos.
O director do encontro, Pedro Figueroa, avanzou que entre as principais novidades que trae consigo este ano o Pont-Up Store “figura un novo proxecto denominado dixital_pontup, ao que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 6.000 euros, que se está a desenvolver e que se presentará nas propias datas do Pont-Up”. Segundo afirma o director, “a plataforma permitirá que as acción innovadoras poidan ser visitadas en calquera lugar e momento. Ademais contará cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, recreacións dixitais en 3D e stands virtuais e interactivos”

PUBLICIDADE