Pont Up Store mostra a gran vitalidade do noso emprendemento innovador

venres, 21 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Pontevedra é estes días unha festa do emprendemento, a innovación e o talento que todas e todos atesouramos. O motivo? Pois a nova celebración da feira Pont Up Store, que comezou onte, inaugurouse hoxe e chega mañá ao seu punto álxido, con presentacións e actividades de todo tipo, todas elas co nexo común de poñer o foco na gran valía do noso emprendemento, e enxalzando especialmente o feminino. O encontro, impulsado pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea S2i, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, ten o seu “centro de operacións” na praza de España, onde locen enxeños 45 novas empresas, boa parte delas relacionadas directamente co dixital. Este mediodía inaugurouse o encontro, mostrando “a gran vitalidade do país”.
Son palabras do profesor Pedro Figueroa, presidente do comité organizador do evento que se complementa coa organización, entre a xornada do xoves e este sábado, de máis de 40 actividades en diferentes puntos da cidade.
“Esta é unha iniciativa moi ben encamiñada co ADN da Universidade de Vigo”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, destacando a aposta “pola integración da Universidade no tecido socioeconómico” e a vontade da institución de “devolver á sociedade o que a sociedade nos dá”. Nun acto inaugural que reuniu a representantes do Concello, Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, AJE Pontevedra, Abanca e , e no que participaron tamén o vicerreitor do campus, Jorge Soto; e as vicerreitoras de Transferencia, Consuelo Pérez, e Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor “a importancia da colaboración entre institucións á hora dar visibilidade a pé de rúa á capacidade das empresas”.
Polo que se refire ás empresas participantes, figuran propostas tan destacábeis como Aliadogs (unha comunidade de coidadores de mascotas e usuarios destes servizos impulsada polos egresados da EE de Telecomunicación Diego Alonso e Rabi Ouallam e a alumna de CCSS e da Comunicación Cora Diz), FreshySweet (unha júnior empresa integrada por alumnado de CCSS e da Comunicación que se adican, dende esta iniciativa, a “facer servizos de publicidade e traballar con outras empresas de Pontevedra”), EXGA3D (que mostra a súa experiencia empregando a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que “sorprenden e poden achegar solucións ao mundo da saúde”), Muutech, (unha startup viguesa enfocada a desenvolver sistemas de información que se empregan para facer seguimento dos procesos máis complexos, sobre todo da industria do motor e de loxística de distribución), Edilicia BIM (centrada na tecnoloxía BIM, unha metodoloxía de traballo para xestionar datos e corrixir erros en grandes infraestruturas e proxectos de edificación que xa se emprega con éxito nos países nórdicos e anglosaxóns), Data Monitoring (que desenvolve dispositivos e software para seguir en remoto procesos industriais achegando as vantaxes da Industria 4.0, a industria intelixente, a todos os sectores), Xtonebox (que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade), o Taller 7 MakerSpace (que fabrica prototipos a medida empregando a tecnoloxía de impresión 3D e pon o seu talle a disposición dos clientes para que materialicen as súas ideas), WinboxApp (que propón unha plataforma para poñer en contacto directo a compradores e vendedores sen intermediarios; unha alternativa para aforrar buscas e para resolver anuncios de venta empregando unha soa aplicación) ou Dronalia (que oferta un amplo abano de solucións de dron con venta directa, cursos e servizos para diferentes sectores e necesidades).
Máis 40 actividades en tres xornadas
O Pont-Up Store arrincou este xoves cunha xornada previa na que se inseriron accións como a xeira de traballo I´m Remarkable, centrada en mostrar o papel da muller na empresa, que Google impartía en España por primeira vez, tras converterse nun dos novos colaboradores do encontro. Así mesmo, o xoves tamén se puxo en marcha na Casa das Campás o Espazo Ecobas de Economía Social, que acolle diferentes iniciativas sobre a creación de proxectos de economía social e solidaria ou creación de emprego a través da fórmula cooperativa. A sede da Vicerreitoría acubilla tamén unha exposición dos materiais gráficos das cinco edicións dun evento polo que pasaron nestes cinco anos 210 empresas, das que o 89% continúan en activo, no que se organizaron 150 actividades, con preto de 4000 asistentes e que acumulou tamén preto de 90.000 visitantes.
Por outra banda, o xoves púxose en marcha outra das novidades desta edición o Espazo Gaming, que dá cabida a diferentes obradoiros e actividades ligadas ao sector dos videoxogos. Xunto a esta iniciativa, o evento promove tamén, na Sala X da Facultade de Belas Artes, un Fab-Lab centrado desta volta no uso da fabricación dixital de instrumentos musicais. En total, máis de 40 actividades, entre encontros, talleres, coloquios ou xuntanzas de diferentes entidades vinculadas ao eido do emprendemento, integran o programa dun evento que continúa na tarde do venres e na xornada do sábado con iniciativas como o encontro Emprende con WordPress, que a Comunidade WordPress de Pontevedra promove esta tarde en Belas Artes como prólogo á WordCamp que celebran na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; a carreira de empresas que este sábado promoven AJE Pontevedra e Abanca, ou o encontro sobre mentoring en feminino que promove a Asociación Española de Mentoring e Consultoría.

PUBLICIDADE