Pont Up Store contará con obradoiros de robótica para os cativos

venres, 21 de setembro do 2018 Redacción

Os cativos de Pontevedra poderán potenciar a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor mañá sábado, 22 de setembro, grazas a crea R, un dos obradoiros de tecnoloxía organizados por R na contorna do espazo de emprendemento Pont Up Store 2018.
A cita será na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde se desenvolverán 20 obradoiros de robótica para 120 rapazas e rapaces. Haberá unha primeira quenda dobre para nenos de 7 e 8 anos, ás 10:00 e ás 11.00 horas. Deseguido, os cativos de 9 a 11 anos serán quen gocen desta iniciativa, ás 12:00 e ás 13:00 horas. E xa pola tarde, ás 16:30 e ás 17:30 horas, rapaces de 12 a 15 anos rematarán esta xornada coa que basicamente se procura que aprendan mentres se divirten.
Durante o obradoiro, os rapaces van crear un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas…) para construír as estruturas. Grazas a crea R achegaranse dun xeito natural e divertido a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso.
Este ano, o segundo que os obradoiros crea R recalan no espazo de emprendemento Pont Up Store, a xente miúda ten outra proposta lúdica do operador galego: un torneo de futbolín co que, ademais de xogar por equipos, achegaranse a conceptos básicos de programación para deseñar o marcador da portería e construír a súa estrutura.
Coa iniciativa os cativos deixan de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e botan man dela, desta volta, para crear e aprender, para o que empregan o método educativo de Líbolis, Pequenos Emprendedores, a única escola de emprendemento na nosa comunidade.

PUBLICIDADE