Pont Up Store amosaranos como facer unha tenda en liña nun mínimo de tempo

luns, 29 de agosto do 2016 Redacción

Xa está quecendo motores a terceira edición do encontro Pont-Up Store, prevista para outono e coa arela de converterse no evento galego de referencia en materia de novo emprendemento. Segundo informa a organización (a Universidade de Vigo a través do proxecto CREA S2i en colaboración co Concello de Pontevedra), para esta terceira entrega do evento escolmáronse 36 proxectos (dun total de 115 presentados) para ter presenza na carpa Pont-Up Store que se instalará os días 23 e 24 de setembro na Praza de España de Pontevedra. En canto á procedencia das candidaturas, preto dun 70% teñen base en Galicia. Haberá stands para amosar produtos e servizos e un amplo programa de accións de dinamización que incluirá, entre outras cousas, un obradoiro sobre como facer unha tenda en liña nunha hora sen coñecementos previos.
Tamén haberá, ademais, sesións prácticas de pedagoxía Montessori; a montaxe dun coche en equipo; demostracións de robótica; unha gimkana de probas mediante a aplicación DogoPlay App, a presentación da revista infantil Alehop, contacontos, presentación de discos e ata un programa de radio en directo.
Segundo salienta a organización do evento, o seguimento e a participación acadados por esta terceira edición da feira reflicten o éxito da Pont-Up Store, que nesta convocatoria foi quen superar as candidaturas do ano pasado (e mesmo houbo que facer un esforzo para combinar as distintas modalidades de participación e dar o máximo número de oportunidades aos emprendedores). A organización tamén destaca o elevado número de empresas de alicerce tecnolóxica que concorren este ano na carpa de setembro. A idea, sinala a organización, é contribuír a converter Pontevedra nunha cidade innovadora de emprendedoras/es visionarias/os e creativas/os.
O Pont-Up Store concentará este ano a actividade en tres días: unha xornada previa o xoves 22; e o espazo emprendedor instalado baixo a carpa da Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro.
Máis cousas sobre o programa
As tendencias do ecosistema emprendedor estarán presentes durante todo o encontro a través de sesións de networking gamificado, charlas, obradoiros, unha maratón creativa e un fab lab de impresión 3D e gravado láser onde se xuntarán makers de toda a nosa terra. A organización tamén salienta, entre as grandes novidades desta edición, unha terceira modalidade expositiva. Trátase de Puntazo Exprés, cuxo xermolo está no programa Pontevedra Ten un Puntazo (Concellaría de Promoción da Cidade) e que abrirá o seu prazo de candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro ofrecendo 10 novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio perante cinco importantes entidades e grandes empresas galegas de diferentes sectores.
Por outro lado e centrándonos no ámbito tecnolóxico, da man da Deputación de Pontevedra (a través do seu asesor TIC, Alberto Falcón) celebrarase o obradoiro Coñece a rede SmartPEME e comeza a comercializar os teus servizos a través das redes sociais.

PUBLICIDADE