Ponse en marcha Praza Pública apostando por dous conceptos clave: a transparencia e a lingua galega

mércores, 1 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Os responsábeis de Praza Pública levaban meses anunciándoo, que iamos ter un novo medio dixital en galego, e finalmente cumpriron coa ameaza. Hoxe mesmo, quen ande pola Rede poderá comprobalo: Praza Pública é xa unha realidade, en activo e dando información na nosa lingua, reanimando na medida do posíbel un panorama, o do noso xornalismo, que se inclina de máis cara un único polo, o da comunicación en castelán, de ideoloxías comúns, e deixando outros polos desatendidos. A posta en marcha da nova canle foi precedida por unha presentación da mesma, o martes no Museo do Pobo Galego de Santiago, onde se fixo fincapé en cuestións como o financiamento (doazóns e subscricións, aspirándose a captar un milleiro de subscritores para acadar viabilidade) e a liña editorial (máis transparencia na xestión económica e informativa).

Acto de presentación de Praza Pública no Museo do Pobo Galego

O acto de presentación de Praza Pública, que serviu para desexar a mellor das sortes aos outros medios dixitais galegos que tamén abrollan con este novo ano (Sermos Galiza e Dioivo), contou coa presenza de Filipe Díez (ex editor do blog RenovaroBNG), Marcos Pérez Pena (ex traballador de Vieiros e coordinador, agora, da liña xornalística de Praza Pública), David Lombao (Radio Voz, Xornal e agora redactor do novo medio) e Lara Graña (ex xornalista de Xornal e agora integrante de Praza Pública). A nivel político, no acto tamén se puído ver a Carlos Aymerich, voceiro parlamentar do BNG, ou a Rafael Cuíña, militante do PPdG.
Segundo fai saber a redacción de Praza Pública con motivo da súa materialización oficial na Rede, estamos ante un proxecto pensado e deseñado para Internet, sustentado na idea de que representa a mellor plataforma posíbel para a comunicación actual na nosa lingua. Por ser para a Rede e por estar na Rede, conscientemente, o proxecto tamén é innovador. De feito, constitúe un dos primeiros xornais do mundo concibidos de xeito íntegro para o estándar de HTML5, que tira o máximo partido dos recursos dispoñíbeis en internet, “e que ademais o fai en formatos libres e abertos”, informa Praza Pública. E engade, subliñando a cuestión: “O HTML5 ábrelle a porta ao aproveitamento realmente multimedia dos contidos xornalísticos”. Para dar conta da implicación desta novidade, o xornal achegou os días pasados un corte de audio e máis un vídeo coa última entrevista feita a Isaac Díaz Pardo.
O novo medio dixital tamén salienta na versatibilidade do seu formato, con vistas a adaptar a nova canle a calquera dispositivo que carretemos, non só o computador, senón tamén tablets e smartphones. A pantalla, a face visíbel do xornal, está de feito pensada para as tecnoloxías de emprego e tamaño destes trebellos.
Amais do devandito, preténdese sacarlles proveito ás redes sociais, non só como método de estar cos lectores, de chegar a eles e tomarlle o pulso á súa opinión, senón como un espazo para medrar. Esta idea apóiase nun feito concreto: cada vez máis, o que acontece nun medio acontece fóra dese medio, concretamente nas redes 2.0. “Por iso”, informan, “criamos que non tiña sentido desenvolver un sistema limitado de comentarios, como o que estamos afeitos a ver nos medios, e si apostar por integrar toda a conversa que se produce en Facebook, Twitter e Google+ (e o que virá) dentro do mesmo fío”.

O equipo de xornalistas de Praza Pública traballando durante a primeira xornada do medio en aberto</A>

Pero hai máis, tanto a nivel de innovación e de contidos. Á espera do que se presente os días vindeiros, sinalar que se buscaron as mellores condicións de acceso e uso ao abeiro do maior número de navegadores, facendo especial fincapé nos máis modernos. Cómpre destacar, sinalan dende Praza Pública, o alto nivel de emprego de cachés para reducir tempos de cargas e aumentar a velocidade, o emprego total de software libre (tanto o desenvolvido en Galicia como aproveitado e reempregado), a liberación extensiva de contidos con licenzas abertas, o seguimento da actualidade con técnicas de real-time. O deseño, tal e como avanzamos dende esta web hai uns meses, correu a cargo da firma galega A Navalla Suíza. Daquela, o xornal Praza Pública fora presentado, ou mellor dito avanzado, na Biblioteca Ánxel Casal, en Xoán XXIII, nun acto que contou coa presenza dun bo número de profesionais dos medios e, tamén, de tres dos responsábeis directos da posta en marcha do xornal dixital: Manuel Barreiro, Marcos Pérez Pena e Filipe Díez. A canle de comunicación aínda estaba en desenvolvemento daquela pero xa amosaba claros sinais de cales van ser os seus obxectivos: apostar pola información independente, crítica, participativa e comprometida coa nosa lingua e co noso punto de vista particular.
Praza Pública, e outros medios como Sermos Galicia ou Dioivo, collen a testemuña de medios xa desaparecidos, como por exemplo Vieiros. O traballo da Navalla Suíza, sinalaron naquel primeiro acto de presentación, serviralles para “competir a nivel de calidade da información e de aproveitamento da tecnoloxía, achegándose potencial de abondo como para pór en marcha algo diferente e seducir á comunidade internauta, tanto pola forma como polo contido”.
Podemos seguir todo o relativo ás novas xeradas pola posta en marcha do novo medio nos seus sitios propios en Facebook, Twitter e máis no blog da redacción.

PUBLICIDADE