Política Lingüística presentou a súa oferta formativa cunha forte aposta polos cursos en liña

xoves, 28 de febreiro do 2019 Redacción

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsa o plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia. Trátase dunha acción formativa que se leva a cabo en colaboración con outras institucións (escolas oficiais de idiomas, EGAP, Rede de Centros de Estudos Galegos, Rede de Dinamización Lingüística, universidades galegas, etc.) que aposta polos cursos de teleformación e incorpora por primeira vez o preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel 3.
Na liña dos anos anteriores, as prazas, que se ofertan tanto no Celga, linguaxes específicas para funcionariado e persoal da Administración (especialidades administrativa e xurídica) e ensino medio e superior, daranlle cobertura a máis de 7000 alumnos e alumnas en Galicia. Será nas áreas galegofalantes do exterior, no resto de España, en Europa e en América, segundo sinalou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado pola a subdirectora xeral de Política Lingüística, María Lourdes Batán, e pola xefa de Formación, Asesoramento e Proxección exterior da lingua, Oliva Amorín.

(Tele)formación en lingua galega e linguaxes específicas

O Plan de formación da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano 2019 inclúe 82 cursos preparatorios das probas Celga, dos cales organiza e desenvolve 36 directamente a propia secretaría xeral (con data de comezo o 1 de abril e de remate o 23 de maio; o prazo de inscrición aínda está aberto ata o 20 de marzo); 36 en colaboración coas escolas oficiais de idiomas dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (repartidos en dúas quendas: de outubro a xaneiro e de febreiro a maio); e 10 en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística.
En total, os 82 suman 2340 prazas a disposición da cidadanía, que poderá optar pola modalidade presencial, ou, no caso da preparación para os niveis Celga 1, Celga 3 e Celga 4, pola teleformación. A novidade neste 2019 é a posibilidade de poder realizar, por primeira vez, cursos preparatorios do nivel 3 do sistema de acreditación oficial da lingua galega.
Para alén da formación específica do Celga, a formación en lingua galega presentada hoxe inclúe formación especializada, con case 50 cursos de linguaxes administrativa e xurídica -máis de 30 deles en liña- desenvolvidos en colaboración coa EGAP, coas escolas oficiais de idiomas e, nalgúns casos, con outras institucións, como a Deputación da Coruña, concellos ou o Colexio de Avogados de Santiago. Con eles, a secretaría xeral de Política Lingüística aspira a chegar a máis 1.000 profesionais ao servizo das administracións públicas.
No ámbito universitario, os convenios entre Política Lingüística e as tres institucións da educación superior en Galicia permitirán organizar outros 25 cursos dirixidos a estudantado (galego ou estranxeiro) ou persoal docente e investigador, o que suma máis de 600 prazas á oferta incluída no Plan de formación para 2019.

PUBLICIDADE