Política Lingüística e Ames reivindican a toponimia como factor de normalización lingüística e dixital

xoves, 19 de setembro do 2019 Redacción

Estes días (onte, hoxe e o vindeiro 30 de setembro) estanse a celebrar en Bertamiráns, no pazo da Peregrina, a primeira edición das Xornadas de Toponimia organizadas polo Concello de Ames e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), na que participan uns 50 docentes tendo contacto directo coas ferramentas tecnolóxicas de meirande potencial para rexistrar, xeorreferenciar, divulgar e preservar os nosos nomes de lugar.
As sesións foron inauguradas onte polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, José M. Miñones, alcalde de Ames, Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames, e Henrique Monteagudo, secretario da RAG.
A iniciativa mostra o valor dos nomes de lugar como “ferramenta normalizadora” e xurdiu a raíz da publicación do traballo Toponimia de Ames, de Xosé Ramón López Boullón, que viu a luz grazas á colaboración do Concello co Seminario de Onomástica da RAG.
Valentín García sinalou que a riqueza dos nomes de lugar de Galicia é “impresionante” e que a nosa Comunidade é “un dos territorios europeos que reúne maior número de topónimos por metro cadrado”. Segundo engadiu, esta riqueza “debe ser preservada e revitalizada, non só porque os topónimos son como unha hucha da cultura que nos transmite información sobre a nosa historia, orografía ou concepción do mundo, senón tamén porque preservalos é preservar a lingua: palabras que lles oíamos de cativos aos avós e que fomos deixando de sentir consérvanse aínda para nomear unha veiga ou unha chousa”.
No aspecto formativo e divulgativo, nestas xornadas estanse a achegar nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Alén da base teórica das diversas intervencións, as xornadas serán “fundamentalmente prácticas” e a través delas achegaranse propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que “impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de normalización lingüística”.

PUBLICIDADE