Pokémon Rumble Rush xa está dispoñible globalmente para Android

mércores, 22 de maio do 2019 Marcus Fernández

Hai un par de anos iniciaron no Xapón as probas do xogo móbil Pokéland, que sería unha especie de adaptación do Pokémon Rumble que en 2009 saíu para Wii, e o pasado día 15 este título iniciou as súas probas para Android en Australia baixo o título de Pokémon Rumble Rush, anunciándose que estaba a ultimarse o seu lanzamento e finalmente a súa espera foi breve e dende hoxe está dispoñible na tenda de aplicacións de Google Play a nivel mundial, como un título free-to-play con compras integradas.
O Pokémon Rumble Rush é un xogo moi na liña do que puidemos ver en Wii, co que comparte mecánicas de xogo, o que supón que os xogadores tomarán o papel dun equipo de varias criaturas Pokémon de xoguete que terán que ir percorrendo niveis enfrontándose a outras criaturas que atacarán en grupos numerosos. O xogo contará máis adiante con versión para iOS.

O xogo basicamente é unha adaptación a dispositivos móbiles do título para Wii

PUBLICIDADE