Pokémon Rumble Rush chega a iOS

martes, 23 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Hai un par de meses o xogo móbil Pokémon Rumble Rush abriuse a todo o mundo a través da tenda de aplicacións de Google Play, de xeito que podiamos dar por rematadas os dous anos de probas deste título no Xapón, pero este título que adapta o Pokémon Rumble de Wii (lanzado en 2009) a dispositivos móbiles permanecía inédito en iOS até agora, cando por fin chega á App Store, permitindo así que usuarios de iPhone e iPad poidan gozar deste xogo dunha das franquías máis activas nos últimos anos.
Este xogo pode descargarse de balde, incluíndo compras opcionais dentro da aplicación, e para animar aos xogadores a manter a atención neste título que convida a capturar criaturas Pokémon, cada dúas semanas a acción trasládase a outra illa, facilitando así que vaiamos coñecendo novos territorios e descubrindo novas criaturas que coleccionar.
Pese a que este título está baseado nun xogo de consola, non deixa de ser unha aplicación móbil moi básica, polo que non está a conseguir a atención de xogos móbiles como Pokémon Go ou incluso Pokémon Quest ou Pokémon: Magikarp Jump, polo que semella que a franquía foi perdendo forza en contornos móbiles e o público está máis interesado no vindeiro xogo de Pokémon para Nintendo Switch que en sucedáneos móbiles.

Imaxes do xogo na súa versión para iOS

PUBLICIDADE