Poco presenta novos smartphones con grandes cámaras e pantallas AMOLED

luns, 28 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

A filial de Xiaomi, Poco, presentou novos móbiles aproveitando a celebración do Mobile World Congress de Barcelona, sorprendendo en boa medida a presentación do Poco M4 Pro, precisamente polo feito de que o pasado mes de novembro puxeron á venda en España o Poco M4 Pro 5G, pero este novo modelo o que buscaría sería atender a unha tendencia que non resulta descoñecida: prescindir da conectividade 5G para ofrecer mellores prestacións.
Desta volta parece unha decisión bastante atinada, xa que o novo Poco M4 Pro é un móbil impresionante, que como punto forte conta agora cunha pantalla AMOLED Full HD+ a 90 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, procesador MediaTek Helio G96, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts, NFC compatible con Google Pay, altofalantes duais, lector de impresións dixitais lateral, e un prezo oficial de 219,99 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e de 269,99 euros para o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, podendo conseguirse ambos móbiles cun desconto de lanzamento de 20 euros dende o 2 de marzo ás 13:00 horas.
Para usuarios máis esixentes presentaron tamén o Poco X4 Pro 5G, que presume de pantalla AMOLED Full HD+ a 120 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal de 108 Mpíxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 695, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts (que pode cargarse ao 90% en 31 minutos), altofalantes dobres, NFC, lector de impresións dixitais lateral, conector para auriculares, radio FM e un prezo de 299,99 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e de 349,99 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (ambos cun desconto de lanzamento de 30 euros).
Estamos ante uns smartphones moi completos e atractivos, que principalmente apostan polas súas cámaras e pantallas para convencer aos consumidores, e que nos próximos días poderemos atopar xa nas tendas españolas.

PUBLICIDADE