Pocket Casts estrea aplicación para Windows 10

mércores, 21 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Un dos administradores e reprodutores de podcasts máis populares a nivel mundial, Pocket Casts, vén de dar un interesante paso para os usuarios de ordenadores persoais, xa que non será preciso acceder ao servizo a través dun navegador web, senón que xa está dispoñible na tenda de aplicacións de Windows 10 como aplicación oficial en probas, no que semella que é unha web app, pois o seu funcionamento é máis semellante á versión web do servizo que ás aplicacións móbiles que, entre outras cousas, permiten xestionar a descarga dos episodios dos podcasts para a súa reprodución fóra de liña.
A nova aplicación é bastante completa e con numerosos elementos personalizables, de xeito que podemos activar o seu tema escuro, definir os segundos que queremos que salte a reprodución cando damos adiante ou atrás, cóntase coa opción de reprodución de episodios recomendados cando non haxa nada en reprodución, conta con control de volume e de velocidade de reprodución e tamén facilita a creación de listaxes de reprodución.
Cómpre lembrar que o acceso vía web a Pocket Casts é de pagamento, de xeito que esta nova aplicación tamén precisa deste pagamento inicial de 9 dólares para poder empregarse de xeito ordinario.

PUBLICIDADE