Plexus presenta un curso sobre aplicacións con tecnoloxía web con compromiso de contratación

xoves, 4 de abril do 2013 Redacción

A compañía galega Plexus, en colaboración con Sanromán Consultoría e Formación, impartirá un curso gratuíto de 270 horas de duración sobre desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web. A empresa tecnolóxica, con sede en Santiago, anunciou este xoves que se compromete a contratar ao 30% dos alumnos que finalicen a formación con asistencia superior ao 90% das clases. Para comezar, todos os asistentes pasarán a formar parte da bolsa de traballo da compañía. “O curso”, informa Plexus, “diríxese a estudantes dos últimos cursos e mozos desempregados menores de 30 anos con estudos de enxeñaría técnica informática ou grao de informática”.
As persoas interesadas poden matricularse online no apartado de formación da web da empresa, até o día 15 de abril, data na que finaliza o prazo de inscrición. A acción formativa desenvolverase entre o 10 de xullo e o 27 de setembro, nas instalacións compostelás da firma. Pola súa banda, o profesorado encargado de impartir o curso será persoal propio de Plexus con máis de 10 anos de experiencia no sector TIC, “unha traxectoria profesional que garante que os coñecementos que os alumnos adquiran estarán actualizados coas tecnoloxías máis empregadas”, informa a compañía.
Plexus deseñou para este curso unha programación eminentemente práctica e dividida en catro módulos formativos co fin de “conseguir o máximo aproveitamento por parte dos asistentes e favorecer, tamén, a inserción laboral do alumnado”. O primeiro módulo será sobre desenvolvemento J2EE; o segundo, sobre bases de datos MySQ, SQL Server e Oracle; o terceiro, de desenvolvemento PHP e Drupal; e o cuarto e último, sobre maquetación HTML5 e CSS. Os asistentes alcanzarán coñecementos técnicos de tecnoloxía Java, J2EE, STRUTS, SPRING e JSF para o posterior desenvolvemento profesional no ámbito das novas tecnoloxías da información. A idea é que os participantes aprendan tamén a xestionar e desenvolver aplicacións web empregando a sintaxe da linguaxe PHP, a construír e xestionar comunidades en Internet e a crear páxinas. O curso está co-financiado pola Fundación Tripartita e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

PUBLICIDADE