Plex lanza un reprodutor multimedia inspirado no Winamp

martes, 19 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Hai 20 anos o reprodutor multimedia Winamp de Nullsoft converteuse en todo un estándar para escoitar música en formato MP3 no ordenador, pero pouco a pouco foi perdendo popularidade, sendo a súa última grande versión a 5.5 de 2007, para dicir adeus definitivamente o 20 de decembro de 2013 (aínda que na Rede conservan copia parcheada do Winamp 5.666 para os nostálxicos). Pero o espírito do Winamp segue vivo, e os responsables do xestor e servidor de contidos multimedia Plex consideran que aínda existe demanda dun reprodutor multimedia pequeno, e estrearon os seus Plex Labs cunha aplicación chamada Plexamp.
A nova ferramenta non está baseada nos contidos almacenados no noso ordenador, senón nun servidor Plex, facilitando así que poidamos escoitar a nosa colección musical en calquera lugar conectado á Rede. Para facelo posible colleron un reprodutor multimedia de código aberto e adaptárono para convertelo no reprodutor musical de Plex que posiblemente sexa o que menor pegada de píxeles deixa mantendo un bo número de funcionalidades. A aplicación corre de xeito nativo en Windows e macOS, pode controlarse remotamente, permite o uso de atallos de teclado e incluso ten fermosos visualizadores durante a reprodución musical, podendo os subscritores de Plex Pass tamén gozar de funcionalidades adicionais como o acceso ás letras das cancións en reprodución.
Pero Plexamp polo momento é simplemente un laboratorio de probas no que experimentar con funcionalidades que poderán chegar despois de xeito oficial a Plex. Cómpre advertir que o reprodutor pode ser básico de máis para moitos usuarios, así como tamén algo complicado de manexar, pero está a integrar características que poden resultar de utilidade, como nivelación de volume (o sistema equilibrará o volume de diferentes álbums para que non haxa que modificar o nivel de volume do ordenador durante a reprodución de música) e tamén procuran que as transicións entre dúas pistas sexan o máis fluídas posible.
A experiencia tamén busca enriquecerse coa creación de emisoras de radio que poden empregarse para acceder ao noso catálogo musical dun xeito variado (pero non completamente aleatorio), facendo viaxes no tempo (comezando a reprodución pola música publicada antes) ou incluso afinando as listaxes de reprodución en función do estilo dun artista en concreto.
Aínda que Plexamp é unha aplicación completamente de balde, moitas das súas funcionalidades serán exclusivas de subscritores de Plex Pass, do mesmo xeito a como acontece coa aplicación principal de Plex.

PUBLICIDADE