PlayStation anuncia hardware conmemorativo do seu 30º aniversario

xoves, 19 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Para celebran os 30 anos da PlayStation anuncian que en poucos días van pór á venda unidades limitadas dunha Colección 30º Aniversario de PlayStation, consistente en versións especiais do hardware de PS5 cunha estética inspirada na PlayStation orixinal, polo que estamos ante uns produtos que resultarán moi atractivos para os xogadores fieis ás consolas de Sony durante estas tres últimas décadas.
Concretamente o 21 de novembro porán á venda 12.300 unidades dun lote de consolas PlayStation 5 Pro (que inclúe distintos accesorios como un mando DualSense normal, un DualSense Edge e unha base de carga), o que probablemente será o produto máis exclusivo dos anunciados.
Tamén será posible facerse cunha edición dixital da PlayStation 5 con este novo deseño, un sistema de xogo remoto PlayStation Portal e, por suposto, os mandos DualSense e DualSense Edge conmemorativos por separado (que probablemente serán os produtos máis perseguidos, ao ser o xeito máis económico de subir ao carro desta celebración).
Estes produtos poderanse reservar a través da tenda oficial de PlayStation, con distintas datas de apertura de reserva para cada produto, aínda que tamén se espera que haxa tendas tradicionais que se sumen a esta celebración.

Vídeo de presentación do hardware conmemorativo do 30º aniversario da PlayStation