PlayStation adianta moitas das novidades que chegarán nos vindeiros meses

venres, 13 de febreiro do 2026 Redacción

O primeiro State of Play de 2026, de máis dunha hora de duración, no que se presentaron numerosos títulos, serviu para que PlayStation fixese unha demostración de forza e reafirmase as súa alianzas con estudios externos.
IO Interactive presentou un novo avance de 007 First Light, centrado nos orixes de James Bond e na súa relación co Programa 00. A continuación, 4: Loop afondou no seu enfoque cooperativo, mentres Beast of Reincarnation puxo o acento nunha aventura de acción ambientada nun Xapón futurista onde a relación entre a protagonista e o seu can Koo promete ser clave.
A diversidade de propostas continuou con Brigandine Abyss, regreso dunha saga clásica de estratexia, e coa reimaginación de Castlevania: Belmont’s Curse, que recupera o espírito gótico da serie cun novo estilo artístico. Remedy tamén fixo acto de presenza con Control Resonant, que aposta por un Manhattan distorsionado e mecánicas paranormais máis ambiciosas.
O ton épico e fantástico mantívose con Crimson Moon, centrado na loita contra forzas sobrenaturais en solitario ou cooperativo, e coa aparición estelar de Darwin’s Paradox, que confirmou data de lanzamento e unha demo inmediata. Dead or Alive 6 Last Round chegará a PS5 en xuño, mentres Death Stranding 2: On the Beach anunciou a súa chegada a PC en marzo, con actualización simultánea en PS5.
O tramo final da presentación estivo dominado por dous nomes propios. Santa Monica Studio confirmou o desenvolvemento dun remake da triloxía grega de God of War e, como golpe de efecto, lanzou no acto God of War Sons of Sparta, un título de acción en 2D desenvolvido xunto a Mega Cat Studios. A isto sumouse Ghost of Yōtei Legends, actualización cooperativa que chegará en marzo.
A variedade continuou con proxectos tan distintos como unha nova aventura de John Wick, a expansión do universo de Kena con Scars of Kosmora, a remasterización de Legacy of Kain: Defiance, a proximidade do lanzamento de Marathon ou a chegada de MARVEL Tōkon: Fighting Souls, que incorpora novos personaxes ao seu elenco.
Konami tamén tivo o seu momento con Metal Gear Solid: Master Collection Vol. 2, que recupera Guns of the Patriots, Peace Walker e Ghost Babel. Houbo espazo para propostas independentes como Mina the Hollower, para o prólogo Neva: Prologue e para unha edición especial polo 30 aniversario de Rayman. O terror mantivo presenza con Resident Evil Requiem e Silent Hill: Townfall, mentres Saros mostrou as súas mecánicas de recrudecemento por eclipse.
O evento pechou cunha última rolda de anuncios variados: Star Wars: Galactic Racer, unha nova proposta de carreiras ambientada no Borde Exterior; Yakoh Shinobi Ops, centrado na acción ninja cooperativa; e Project Windless, RPG de mundo aberto inspirado na literatura coreana. Tamén se confirmou a chegada de Pragmata en abril, con nova información sobre o seu universo de ciencia ficción.

Vídeo íntegro do State of Play de febreiro