PlayStation Plus ofrece a campaña de Modern Warfare 2 en agosto

luns, 27 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Sony está a anunciar os xogos que recibirán os subscritores de PlayStation Plus en agosto, aínda que o prato forte non se fará de rogar, xa que Modern Warfare 2 Campaign Remastered estará dispoñible dende mañá mesmo. O xogo polo que haberá que agardar até o 4 de xullo será Fall Guys: Ultimate Knockout, un colorido título multxogador en liña para 60 usuarios no que superar numerosos desafíos baseados en obstáculos rexidos polas leis da física, e que estará dispoñible até o 31 de agosto.
No caso de Modern Warfare 2 Campaign Remastered estamos ante unha remasterización da campaña de Call of Duty: Modern Warfare 2, auténtico clásico dos xogos de acción en primeira persoa, que adaptouse para poder contar con texturas, animacións e efectos de iluminación dignos dunha PlayStation 4. Tamén estará dispoñible até o 31 de agosto.
Aproveitan o anuncio dos xogos de PS Plus para dar conta de que os días 8 e 9 de agosto os usuarios de PlayStation 4 poderán xogar en liña de balde, ou sexa, que teñen unha oportunidade de gozar do modo multixogador en liña dos seus xogos, para introducirse en tal experiencia e comprobar en primeira persoa se lles compensa subscribirse a PlayStation Plus.

Fall Guys: Ultimate Knockout estará dispoñible en PS Plus durante o mes de agosto

PUBLICIDADE