PlayStation Plus incluirá WipEout Omega Collection e Sniper Elite 4 en agosto

mércores, 31 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Mentres a oferta de Xogos con Gold é bastante sólida e terá en agosto unha das súas mellores seleccións de xogos, dende Sony son bastante máis irregulares e tras a grata sorpresa do Detroit: Become Human de xullo (que por outra banda estaba acompañado por un xogo máis propio de dispositivos móbiles que dunha consola doméstica) temos que en os xogos de PlayStation Plus en agosto poden decepcionar a algúns subscritores pese a ser títulos de indiscutible calidade.
Os novos xogos, dispoñibles a partires do 6 de agosto, son WipEout Omega Collection e Sniper Elite 4. Se ben o WipEout Omega Collection non deixa de ser unha recompilación de xogos clásicos (WipEout HD Fury e WipEout 2048), o feito de que os adaptasen a PlayStation 4 é unha grande oportunidade para poder gozar desta franquía de velocidade que estaba afastada da actual xeración de consolas (pois os títulos orixinais eran de PS3 e PS Vita). Como vantaxe adicional esta colección de xogos inclúe compatibilidade con PlayStation VR.
Pola súa banda o Sniper Elite 4 é un título moi solvente, aínda que sexa bastante de nicho. Métenos na pel dun francotirador na Segunda Guerra Mundial, e permítenos experimentar combates tácticos en terceira persoa e realizar épicos disparos a longa distancia en niveis xigantescos nos que haberá que loitar para librar a Italia do fascismo. Aparte da súa campaña para un xogador Sniper Elite 4 tamén conta con misións cooperativas para entre 2 e 4 xogadores e modos multixogador competitivos até para 12 xogadores.

PUBLICIDADE