PlayStation Plus achegará Call of Duty: Modern Warfare Remastered en maio

mércores, 27 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

En marzo o servizo PlayStation Plus inicia unha nova etapa na que xa non conta con xogos de PlayStation 3 nin PlayStation Vita para os seus subscritores, ou sexa, que pasan de ofrecer un mínimo de 6 xogos a só 2, o que nun principio tradúcese nun maior esforzo na selección de títulos, ou iso parece entenderse ao saber que a partires do 5 de marzo ofrecerán os xogos de PlayStation 4 Call of Duty: Modern Warfare Remastered e The Witness.
Call of Duty: Modern Warfare Remastered e a actualización gráfica dunha das entregas de Call of Duty máis importantes, que en 2007 optou por dar un salto dende a Segunda Guerra Mundial até a actualidade da man de Infinity Ward, o que supuxo unha grande renovación que callou nos seareiros da franquía e que, quen o deixase pasar, terá agora unha oportunidade para gozar do mesmo incluso en 4K (de contar cunha PS4 Pro).
Para animar a incorporación do xogo a PS Plus está en marcha unha liga do xogo con 1.750 euros en premios a repartir entre os tres primeiros equipos de 4 xogadores.
O outro xogo de marzo para PS4 será The Witness, un xogo de quebracabezas desenvolvido por Jonathan Blow, creador de Braid, que sitúa a xogador nunha illa tropical deserta na que hai que resolver toda unha sorte de enigmas interconectados e que sorprende pola súa narrativa ambienta e deseño.

The Witness é un xogo de quebracabezas moi curioso
A acción de The Witness desenvólvese nunha illa tropical deserta

PUBLICIDADE