Pioneer presenta novos navegadores compatíbeis con smartphones
xoves, 4 de xullo do 2013
Pioneer vén de facer
públicos tres
novos modelos de navegadores dirixidos a achegar servizos de
guiado avanzados para condutores ao tempo que os complementan con
lecer multimedia e compatibilidade con smartphones. Trátase,
máis polo miúdo, dos modelos AVIC-F50BT, AVIC-F950DAB e
AVIC-F950BT, conectábeis co iPhone 5 e sistemas Android e ofrecendo
unha pantalla táctil WVGA de alta resolución de entre 6,1 e 7
polgadas. Tamén subministran novas interfaces de mapas con
información do tráfico en tempo real e de gráfica de usuario
(GUI), ao que cómpre engadir a función AppRadio Mode para acceder e
controlar o iPhone dende a pantalla táctil do navegador, máis a
tecnoloxía bluetooth, a entrada USB e a reprodución de
DVD/CD/MP3.
Por certo que o modelo
AVIC-F950DAB incorpora un sintonizador de radio DAB, “de acordo
coa crecente tendencia de escoitar emisoras de radio dixitais”,
sinalan fontes de Pioneer, que engaden que “este tipo de
sintonizador ofrece son dixital de alta calidade, permite explorar
centos de novas emisoras de radio e outras fontes de servizos de
tráfico e ten funcións como o retroceso para comprobar os títulos
das cancións ou a opción de repetir pistas”. A
maiores, os servizos RDS-TMC que acubillan estes aparellos
proporcionan información en tempo real sobre incidencias no tráfico,
proxectándoas sobre o mesmo mapa de navegación, permitindo ao
usuario crear rutas alternativas que eviten os problemas de tráfico.
Os mapas NAVTEQ que inclúen estes navegadores son, a xuízo de
Pionner, “comprensíbeis dun xeito moi doado”. Achégase,
tamén, unha memoria flash de 8 xigabytes, pantalla táctil de 7 e
6,1 polgadas, reprodución de DVD e a opción de configurar zona dual
no vehículo para reproducir contidos diferentes nos asentos
traseiros.