Pint of Science volve a Vigo con 12 charlas científicas e festexando o seu décimo aniversario
xoves, 15 de maio do 2025
A vindeira semana regresa a Vigo o evento científico Pint of Science. Con máis dun milleiro de eventos en 75 localidades, o festival encherá de ciencia bares de todo o país os días 19, 20 e 21 de maio. A través de charlas divulgativas, monólogos ou experimentos de entre 20 e 30 minutos de duración, investigadoras e investigadores de todas as áreas de coñecemento compartirán o seu traballo nun ambiente moi diferente ao habitual.
En Vigo, Pint of Science celebrarase nos bares El Castro e Vitruvia Café a partir das 19:30 h, cun total de 12 charlas científicas que cubrirán temas como saúde mental e neurociencia, nanotecnoloxía, sociolingüística e Intelixencia Artificial, inmunoterapia ou segregación escolar, entre outros.
Entre os investigadores e investigadoras que participan nesta edición de Pint of Science Vigo, atópanse Carlos Renero Lecuna, que amosará como la luz, a través das nanopartículas, pode converterse nunha potente aliada para estudar e intentar combater o cancro; Raquel Ríos Castro, que desvelará os segredos do océano e o que nos revela o ADN ambiental, ou Alessandro Marcomini, quen abordará a mecánica cuántica e a súa sorprendente presenza na nosa vida cotiá.
Un dos obxectivos da organización é “establecer o diálogo directo entre os investigadores e a sociedade”.
Desde o equipo local de Vigo resaltan que “achegar a ciencia á sociedade non é só unha opción, é unha necesidade. Cremos que o coñecemento non debe quedar nos laboratorios, senón que debe saír, contarse e compartirse. A miúdo cremos que a ciencia é difícil de entender, pero quizais só necesitamos que nola expliquen doutra forma. En Pint of Science buscamos precisamente iso: traducir a linguaxe científica a outra máis sinxela e accesible para todos”.