Pieldeatun.org: nova comunidade participativa para loitar contra o cambio climático

xoves, 4 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A loita contra o cambio climático ten na Rede unha nova comunidade valedora: a comunidade de Pieldeatun.org, unha fronte participativa e activista que conta co apoio de organizacións e entidades senlleiras do ámbito medio-ambiental: a Fundación Biodiversidade, o Ministerio de Transición Ecolóxica ou The Climate Reality Project da Fundación Al Gore, amais de centros de investigación e comunidades como Blockchain España, CEI-Mar, a iniciativa One Oak – Bring Wood to Life ou a Universidade de Cádiz. Precisamente será nesta última cidade, entre o 2 e o 5 de maio, onde o movemento Piel de Atún colla corpo visíbel para concienciar á cidadanía sobre a importancia de combater o cambio climático.
Piel de Atún é un movemento de sustentabilidade colaborativo e integrador que xorde co obxectivo de unir persoas e institucións na difusión do coñecemento e concienciación sobre o quecemento da Terra.
A devandita web informa sobre vindeiros encontros, sobre noticias relacionadas co colectivo medio-ambiental, sobre o propio movemento e seus apoios e, tamén, sobre os xeitos (rápidos e doados) de participar directamente na fronte común. Tamén se achegan canles propias de Instagram e de Twitter.
Este movemento nado en España pretende converter a cidadáns globais, empresas e institucións en axentes do cambio, “contribuíndo así na consecución dos Obxectivos do Desenvolvemento Sustentábel da ONU fixados para o ano 2030”.
A comunidade, co fin de conseguir o máximo número de apoios, acompañou a súa presentación oficial en sociedade do seguinte dato: “A contaminación dos océanos, a desertificación, a perda de biodiversidade e a escaseza de auga potábel son factores que causan un total de 12,6 millóns de mortes ao ano, segundo os datos da OMS”. Asemade, Piel de Atún pon o foco na protección dos mares e dos océanos e do uso masivo dos plásticos: “Os mares están a ser os máis prexudicados polo cambio climático, xa que o quecemento oceánico representa o 90% da enerxía acumulada, tal e como expón o último Informe do IPCC”.
Luis Prieto, fundador da comunidade, explica que a pel do atún é “un gran indicador da saúde dos océanos, por iso pensamos que non hai mellor nome para este movemento”. E engade: “Tras os últimos datos presentados pola ONU, vemos máis necesario que nunca concienciar á sociedade da importancia de deixar o mundo mellor do que o atopamos, por iso creamos un movemento aberto e democrático”.
O movemento celebrará o seu primeiro summit en Cádiz, “punto de unión entre o océano Atlántico e o Mar Mediterráneo”, os días 2, 3, 4 e 5 de maio. Haberá música, arte, relatorios, actividades gastronómicas e actividades para mellorar o medio ambiente e a bioesfera, entre outras accións, todas co obxectivo “de concienciar sobre o cambio climático, a vida nos mares e océanos e difundir coñecemento sobre estes temas”
Os cidadáns que queiran formar parte deste movemento poden facelo a través da web https://pieldeatun.org/ na sección B-Atuna, onde quen se rexistre poderá propor medidas concretas que loiten contra o cambio climático e reduzan a contaminación de mares e océanos. A nova comunidade activista realizará vindeiros summits en diferentes cidades españolas e no ano 2020 dará o chimpo a nivel internacional.

PUBLICIDADE