Pico Neo, a solución móbil de realidade virtual que non depende dun smartphone

mércores, 20 de abril do 2016 Marcus Fernández

Como alternativa ás solucións de realidade virtual tipo Oculus Rift e HTC Vive (que precisan dun ordenador potente), PlayStation VR (que dependen dunha PlayStation 4) ou incluso das Gear VR (que acaparan durante o seu uso un smartphone de alta gama) están a preparar a solución Pico Neo, que podería considerarse como unha adaptación do concepto das Gear VR, pero eliminando o teléfono da ecuación, de xeito que as lentes e os seus accesorios incorporarían todo o hardware preciso para poder gozar dunha realidade virtual móbil.
Esta curiosa solución consiste nun casco que integra dúas pantallas AMOLED de 3,81 polgadas (unha para cada ollo) cunha resolución de 1.200 x 1.080 píxeles a 90 Hz que integraría sensores de movemento, cámara dual de alta definición, toma para auriculares e un micrófono.
O cerebro deste produto estaría nun gamepad que leva no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 820 de catro núcleos a 2,2 GHz e 64 bits, gráfica Adreno 530, procesador de son Hexagon 680, 4 GB de memoria RAM LPDDR4, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB) e unha batería de 5.000 mAh (que permitiría unhas 3 horas de xogo continuo ou reprodución de vídeo).
Temos así un produto cunha potencia comparable á dun teléfono Samsung Galaxy S7 e, o feito de que tamén funcione con Android 6.0, dá a entender que as súas posibilidades para a realidade virtual serían moi semellantes, senón fose porque desta volta non hai unha empresa como Oculus VR apoiando este curioso proxecto. De feito, unha das cousas máis atractivas que podería ter esta solución é que o casco pode conectarse directamente a un PC (pero o soporte de aplicacións e xogos que soporten este hardware probablemente só sexa anecdótico).
A Pico Neo tamén conta como accesorios cuns mandos opcionais que semellan unha copia dos PlayStation Move de Sony, e o prezo do casco co seu mando será de 3.399 iuans (464,94 euros), mentres que o casco solto venderíase por 1.899 iuans (259,76 euros), aínda que teremos que agardar ao verán para poder facernos un destes produtos e así comprobar se realmente teñen aplicación práctica ou, en calquera caso, se teñen utilidade fóra do mercado chinés.

PUBLICIDADE