Persoal investigador da USC crea un buscador web dirixido a emprendedores

xoves, 4 de outubro do 2012 Redacción

Un grupo de especialistas en emprendemento e computación da Universidade de Santiago de Compostela desenvolveu MentorEmprende, un concepto de buscador web especializado no ámbito do emprendemento e do proceso de creación de novas empresas, particularmente desde o contorno universitario que pode utilizarse de balde dende a páxina web de RedEmprendía e que polo momento está dispoñible só en español.
A parte informática realizouse no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) da USC baixo a dirección de Manuel Lama e David E. Losada. O deseño de contidos, definición e axuste das buscas é responsabilidade de Loreto Fernández, experta en emprendemento e profesora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC.
Esta nova ferramenta funciona empregando o motor de busca de Google, organizando o acceso á información a través de varios temas de interese propostos previamente. Os resultados do buscador dan prioridade aos sitios segundo a súa reputación, facilitando a achega de contidos de calidade. Incorpora descricións dos temas máis consultados cando se crea unha empresa, ofrecendo recursos procedentes de páxinas web, da Wikipedia e de repositorios de documentos formativos da rece Universia.

PUBLICIDADE