Periscope cumpre 1 ano

luns, 28 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O equipo de Periscope está a celebrar o primeiro ano de vida do seu servizo de transmisión de vídeo en directo dende o móbil agradecendo a confianza aos seus usuarios e facendo balance da súa traxectoria, na que demostraron a sede do público deste tipo de interacción social baseada no vídeo en vivo, xa que en tan pouco tempo conseguiron realizar 200 millóns de retransmisións, aínda que á hora de medir o seu éxito prefiren contar os minutos de vídeo transmitido, que actualmente correspondería a uns 110 anos de vídeo ao día.
Neste tempo Periscope lanzou aplicación para iPhone, aplicación para Android e incluso aplicación para Apple TV; e incorporou novidades moi importantes como facilitar as retransmisións de vídeo en horizontal (inicialmente só funcionaba en vertical), o emprego de cámaras GoPro e a integración das súas retransmisións nas cronoloxías de Twitter. Pero cómpre lembrar que ser pioneiro non garante nada, e o principal competidor de Periscope, Merkaat, xa se retirou da competición, que cada día está máis rifada, a que Facebook está a permitir tamén as transmisións de vídeo en directo dende o móbil e coméntase que en breve teremos tamén YouTube Connect, a resposta de Google a este novo fenómeno no que dificilmente van poder convivir moitos actores.

PUBLICIDADE