Penduran na Rede un vídeo porno gravado no Obradoiro de Santiago
mércores, 26 de marzo do 2008
Cando pensamos na Semana Santa soen virnos ós miolos conceptos tan variados como procesións, xaxún, reflexión, torrixas, vacacións, tráfico e incluso neve se pensamos na de este ano que acabamos de deixar atrás (para mágoa de moitas e moitos que se incorporan ó traballo logo de varios días sen pegar pau). O caso é que dende a pasada Pascua, este período relixioso tamén vai ser lembrado (sobre todo en Santiago) por algo tan surrealista como a gravación dun filme X en pleno centro histórico da capital galega, máis polo miúdo na mítica praza do Obradoiro, xusto fronte á catedral, símbolo do cristianismo coñecido internacionalmente.
A nova puidemos vela no xornal El Correo Gallego, onde se engade que a devandita película se titula La Catedral del sexo e que se publica no portal web PorNoaburrirse.com.
Nesta páxina móstranse varias capturas do filme, no que se poden ver imaxes explícitas de sexo entre dúas mulleres e un varón coa catedral de Santiago de fondo (polo visto, un contorno sumamente afrodisíaco, a xulgar polas faces destes peculiares turistas).
Asemade, na web cóntase como se levou a cabo o proxecto, que para colmo dos máis beatos, rodouse en plena Semana Santa e os seus protagonistas “comezaron o choio ó escoitar as primeiras badaladas” (se Rouco Varela retornara por un intre á capital...).
O xornal galego tamén apunta que a concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano recoñeceu para as súas páxinas que “non concederan ningunha autorización para que se fixese nada diso” e que “non tiñan constancia algunha de que se tivera rodado un vídeo así na Praza do Obradoiro” polo que asegurou que “cabe a posibilidade de que se trate dunha montaxe fotográfica feita cun croma”.