Pedro Blanco di que para o Goberno a protección dixital dos menores é unha prioridade absoluta

xoves, 12 de febreiro do 2026 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defendeu este xoves 12 de febreiro a necesidade de reforzar a protección da nenez e da adolescencia no ámbito dixital, “con máis prevención, máis control e máis acompañamento ás familias”. Fíxoo durante a reunión da Comisión do Plan de Convivencia Escolar, que presidiu na Delegación do Goberno, onde incidiu que “a convivencia nos centros educativos tamén se constrúe no entorno dixital”.
Pedro Blanco advertiu de que o mal uso das redes sociais “ten un impacto directo nas aulas, na saúde emocional do alumnado e na convivencia diaria dos centros”. Subliñou que o anuncio do presidente do Goberno, Pedro Sánchez de prohibir o acceso ás redes sociais a menores de 16 anos “non é unha medida illada, senón política de país para dar resposta ás familias e ao profesorado, que demandan máis ferramentas para protexer aos menores”, afirmou.
O delegado incidiu en que o Goberno actúa “desde a prevención e desde a responsabilidade institucional”, recalcando que “as redes non poden converterse en espazos onde se toleren delitos, ameazas ou discursos de odio. Iso non é liberdade, é desprotección”, sinalou. Así mesmo, insistiu en que a seguridade dos menores é unha responsabilidade compartida entre administracións, centros educativos e familias.
Amais, destacou o labor que desenvolven a Policía Nacional e a Garda Civil no marco do Plan para a Convivencia Escolar e lembrou que “só no ano 2025 impartíronse 2.680 formacións en TIC e ciberseguridade, orientadas a que o alumnado coñeza os riscos asociados ao uso das tecnoloxías, aprenda a identificalos e desenvolva unha cultura de uso seguro”. Ademais, dixo, “este ano incorporáronse novas accións centradas na prevención e concienciación sobre os retos da internet, como o uso da IA, retos virais ou fraudes tecnolóxicos”.
O balance do primeiro trimestre do curso 2025-2026 confirma o crecemento do Plan Director. Participaron 4.436 alumnos e alumnas máis que no mesmo período do ano anterior, cun incremento do 10,14 %, e o número de docentes asistentes medrou un 35 %.
Realizáronse 1.946 actividades neste trimestre, destacando especialmente as accións relacionadas co ámbito dixital, que continúan sendo a principal preocupación da comunidade educativa. Tamén medraron as charlas sobre delitos de odio, protección de datos, igualdade, adiccións ou delitos sexuais.
No conxunto de 2025, o Plan Director chegou a 989 centros escolares e a máis de 155.000 participantes. Ademais, reforzouse a seguridade con vixilancias preventivas e coa desactivación de nove puntos de venda de droga nas contornas escolares.
Pedro Blanco sinalou que “estes datos demostran que imos no bo camiño, pero tamén que é necesario seguir reforzando a prevención e a protección, especialmente no ámbito dixital”.
Na reunión participou tamén o xefe da Alta Inspección Educativa da Delegación do Goberno, Lois Carballido, así como mandos da Garda Civil e da Policía Nacional, aos que Pedro Blanco agradeceu expresamente o seu compromiso diario coa protección da comunidade educativa.