Pecha a revista de videoxogos EGM

xoves, 8 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O traslado de audiencia do papel á Internet e a redución do investimento publicitario na conxuntura económica actual levou ao peche da edición impresa do PC Magazine e da edición en español da revista de videoxogos EGM, e agora é tamén a versión norteamericana a que cesa a súa publicación impresa e a súa contrapartida dixital, o portal 1UP, tamén deixa de pertencer á editora Ziff Davis, pasando a mans de UGO Entertainment.
O último número da revista EGM será a de xaneiro de 2009, e só a cuarta parte do cadro de persoal (que traballaba conxuntamente en EGM e 1UP) pasará a integrarse en UGO, o que levanta moitas incógnitas sobre o futuro de 1UP.
A publicación cumpriría 20 anos no mes de febreiro, e aínda que non chegue a ver tal data, os seus responsables despedíronse publicando a portada do que sería ese número tan especial, que estaría dedicado a Street Fighter IV, un dos grandes lanzamentos do ano. Por desgraza, despídense co número de xaneiro, que non tiña nada especial.

Así sería a portada do número de febreiro da revista EGM

PUBLICIDADE