Paul McCartney encárgalle a HP a dixitalización do seu legado

martes, 28 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

A multinacional HP e o ex beatle Paul McCartney veñen de unir forzas para poñer a disposicións dos seareiros do músico a súa biblioteca persoal, constituída por todo tipo de fotografías, ilustracións, pinturas, filmes e vídeos, amais de cancións. Segundo se conta en medios como Xornal, o acordo foi asinado entre HP e MPL, que é a empresa que se encarga de publicar e distribuír o legado de McCartney, amais dos seus novos discos. A idea de ámbalas dúas compañías é acompañar o traballo de dixitalización dun innovador recurso para a xestión dos resultados obtidos, poñendo a disposición dos fans unha parte do material e deixando outra nunha contorna de acceso restrinxido.
Trátase do primeiro acordo destas características que asina HP, o que non lle impediu á empresa multinacional recibir ao seu novo colaborador con salientables mostras de satisfacción: “Estamos orgullosos de que McCartney nos vexa como un socio de confianza para que lle axudemos a preservar o seu legado e establecer unha nova visión da industria”, din. Do que aínda semella que non se sabe nada é de canto tempo vai levar o proceso nin de canto material dixitalizable estamos a falar.

PUBLICIDADE