Patrimoniogalego.net supera a liña dos mil bens culturais catalogados

mércores, 18 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A web patrimoniogalego.net, da que falamos con motivo da súa posta en marcha e dos seus primeiros e salientábeis logros no camiño de acubillar na Rede as pegadas da nosa cultura e da nosa tradición (no mellor sentido do termo tradición), vén de deixar atrás a liña dos seus sete meses de vida e faino acadando a cifra dos mil bens inventariados. A xuízo dos responsábeis desta iniciativa, un equipo de investigadores e internautas en xeral coordinados polo noso compañeiro Manuel Gago (que foi o promotor do proxecto), o feito de ter chegado ao milleiro de rexistros en sete meses ten un valor especialmente simbólico, sobre todo se temos en conta que estamos a falar dunha web impulsada por mans voluntarias traballando a prol dun obxectivo común, a preservación do noso, no ámbito en liña, para as xeracións vindeiras.
Ademais, fíxose en moito menos tempo do previsto, “grazas ao esforzo desinteresado dun cada vez máis nutrido número de colaboradores, dispostos a axudar coa súa dedicación na preservación do patrimonio cultural de Galicia”, sinalan dende a páxina.
Por certo que a ficha número 1000 corresponde ao cruceiro de Lanzá, en Vilalba, un ben cultural que sen dúbida terá moito de emblemático, a partir de agora, deste compromiso e deste traballo a prol da salvagarda das nosas pegadas.
As razóns deste éxito acadado dende patrimoniogalego.net son moitas e variadas, pero teñen que ver, case todas, co aproveitamento dunhas tecnoloxías, as propias do noso tempo, para darlle máis vida e unidade a algo que xa estaba latente: o interese colectivo por preservar o noso. Non houbo máis que cinguir e poñer en contacto, ombro con ombro, ás persoas que malia as súas probábeis diferenzas dirixíanse cara a un mesmo obxectivo. Así nolo contan dende a web, facendo referencia a este xeito social, activo e non xerárquico: “Ao contrario ca os oficiais, os catálogos sociais permítenlle á cidadanía involucrarse de xeito activo a través dunha participación directa no proxecto; dun modo semellante a como ocorre cos artigos da Wikipedia, os participantes teñen a posibilidade de rexistrar un ben patrimonial a través da creación dunha ficha virtual”. Nela aparecerán fotografías e datos identificativos do ben en cuestión, así como o seu estado de conservación ou como chegar onda el. Para este labor, engaden, os usuarios contan co material facilitado polos editores da páxina. Nesta liña insírense os impresos que poderán empregar cando desenvolvan algún traballo de campo, nos que se inclúen aspectos de interese dos bens, como a súa datación, a súa propiedade ou a súa descrición. “A tipoloxía que figura nas fichas vai dende os castros, os dolmens ou os petróglifos ata os templos, os pazos, ou os castelos, pasando, como non, por bens inmobles coma os cruceiros, os hórreos ou as pallozas”, infórmase.
O funcionamento é o seguinte: unha vez recollida a información precisa, os catalogadores poden daquela subir a ficha ao inventario en liña, quedando deste xeito constancia na web da existencia dun monumento ou dun ben cultural determinado, con todos os datos referentes a el. “É máis”, engádese, “de non figurar toda a información necesaria, os propios editores do catálogo encárganse de contrastala e de completala, sempre na medida do posible; de non ser así, a ficha queda en suspenso ata que se dispoña de datos suficientes relativos a ese ben en concreto”.
Un proxecto aberto á cidadanía
A web, segundo nos conta o equipo responsábel da mesma, conta co soporte técnico de Wordpress. Patrimoniogalego.net é un sistema de información xeográfica (SIX) aberto a toda a cidadanía, independente e sen ningún ánimo de lucro, dado que ten como único fin a preservación do patrimonio cultural galego, polo de agora limitándose aos bens de carácter inmoble. Nel participan unha serie de voluntarios, profesionais en distintas disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito desinteresado a partir da creación da plataforma cidadá Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia, xurdida na rede social Facebook a iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago.
Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de Produción do catálogo, mentres que o propio Gago se encarga do deseño e do desenvolvemento da web. Pola súa parte, Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Elixio Vieites e Xosé Gago, conforman o corpo de editores, mentres que o gabinete de comunicación está integrado polos xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde.