Paragon iniciará a súa beta aberta o 16 de agosto

venres, 10 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Dende Epic Games están a traballar nun novo xogo tipo MOBA chamado Paragon, que presentará combates con acción explosiva, control en terceira persoa e unha profunda elección estratéxica, que ten previsto ver a luz para PC e PlayStation 4, que actualmente está dispoñible en acceso anticipado de pagamento e no verán contará cunha beta aberta á que xa poñen data: o 16 de agosto. Deste xeito a partires de tal data os usuarios que o desexen poderán botar unha partida a Paragon sen realizar ningún desembolso económico.
Os impacientes que queiran gozar xa do xogo poden facerse co Pack de fundadores de Paragon para PlayStation 4 ou para PC por 19,99 euros, o que permitirá experimentar xa co xogo e así ir tamén descubrindo os seus personaxes, que medran en número cada 3 semanas, de xeito que está a construírse un nutrido grupo de heroes que formarán parte deste universo no que desenvolveranse combates de 5 contra 5 en distintos escenarios que incluso terán en conta a pendente do terreo á hora de planificar os ataques.
Este xogo está desenvolvido co Unreal Engine 4, conseguindo así dar vida ao mundo de Agora con grande fidelidade e todo luxo de detalles, como poderemos comprobar tamén entre os días 16 e 19 de xuño, cando celebrarse unha fin de semana con beta de balde, para a que é preciso inscribirse para poder participar.
Conseguirá este xogo consolidarse no rifado mundo dos MOBA? Nas vindeiras semanas iremos saíndo de dúbidas.

Repaso en vídeo da última versión de Paragon

PUBLICIDADE