Panasonic leva o Windows móbil a contornos industriais

mércores, 25 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Panasonic presentou estes días novos produtos reforzados que conciben como tablets de man, como o Toughpad FZ-E1, un dispositivo con pantalla de 5 polgadas (visible incluso baixo a luz do sol e que pode manexarse incluso con luvas) cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles que funciona co sistema operativo Windows Embeded 8.1 Handheld (variante para usos industriais de Windows Phone 8.1) aínda que tamén comercializará un dispositivo semellante, o FZ-X1, que funcionará con Android 4.2.2.
Estamos ante trebellos con baterías intercambiables en quente cunha autonomía de até 14 horas (podendo completarse a metade da súa capacidade cunha carga rápida de só unha hora), seguridade FIPS 140-2 Level 1, capaces de soportar unha caída sobre cemento dende unha altura de 3 metros (compren coa especificación MIL-STD-810G), resisten po e auga, podendo incluso sobrevivir a media hora a 1,5 metros de profundidade (compre coas especificacións IP65 e IP68) e incluso pode operar en temperaturas extremas, de xeito que resultarían ideais para contornos militares, almacéns, o mundo da construción e usos ao aire libre.
En prestacións, estarían na liña dun smartphone actual, de xeito que o Toughpad FZ-E1 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas micro SDXC, Wi-Fi AC, NFC, GPS, Bluetooth 4.0, USB 2.0, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, lector de códigos de barras opcional e, curiosamente, conectividade móbil (4G) opcional, ou sexa, que non se trata dun produto orientado principalmente ao seu uso como teléfono, aínda que presente o mesmo formato. O seu modelo Wi-Fi comezará a venderse en agosto nos EE.UU. a un prezo de 1.899 dólares (1.393 euros), mentres que o modelo con conectividade móbile venderase por 1.999 dólares (1.467 euros).

O Toughpad FZ-E1 é resistente á auga e incluso pode manexarse con luvas


As vantaxes do Panasonic Toughpad FZ-E1 vistas en vídeo

PUBLICIDADE