Panasonic desenvolve unha solución para capturar vídeo en 64:9

martes, 27 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Esta semana celébrase en Sydney o encontro profesional de tecnoloxía audiovisual Integrate 2013, e Panasonic quixo amosar alí o seu novo sistema de cámaras de ultra-grande angular (UWCS) que consiste na combinación de 4 cámaras de alta definición para poder crear en tempo real unha imaxe panorámica de 64:9, moito máis ampla que as habituais imaxes de 16:9 que temos nos televisores actuais, o que serviría especialmente para poder rexistrar, por exemplo, un campo enteiro de fútbol para poder analizar as xogadas tendo a todos os xogadores claramente visibles a un mesmo tempo.
Este sistema non precisaría que os xogadores vestisen ningún tipo de etiqueta especial para poder seguir os seus movementos e está a captar bastante atención por parte de entidades deportivas e canles de televisión, que poderían atopar usos desta tecnoloxía que vaian máis aló da análise de xogadas por parte de adestradores.
Este sistema que opera con 4 cámaras AW-HEW120 é capaz de xerar en tempo real vídeo cunha resolución de 5.120 x 720 píxeles, ou sexa, que combinaría a imaxe das cámaras horizontalmente, podendo calibrarse as mesmas en poucos minutos. Esta solución pretende comercializarse globalmente en novembro.

PUBLICIDADE