Panasonic amosa o tablet reforzado con Windows 8 máis lixeiro e delgado do mundo

mércores, 9 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Panasonic continúa a ampliar a súa gama de produtos reforzados para soportar agresións físicas, o que resulta imprescindible para certos contornos industriais e para o seu uso en exteriores, adaptándoos ás demandas de mercado, polo que xa non só ofrecen ordenadores portátiles resistentes, senón que tamén atrévense cos tablets, amosando estes días en Las Vegas tanto o novo Toughpad JT-B1 (un tablet con pantalla de 7 polgadas e Android) e un máis rechamante Toughpad TZ-G1 (tablet cunha pantalla de 10 polgadas e Windows 8 Pro). Este último produto sería o tablet reforzado con Windows 8 máis lixeiro e delgado do mercado, que é capaz de satisfacer as necesidades de case todos os usuarios grazas ás súas elevadas prestacións, pois aparte de gozar dunha impresionante pantalla táctil de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles e capaz de verse baixo a luz do sol, funciona cun procesador Intel Core i5 de entre 1,9 e 2,9 GHz (dependendo da súa configuración), 4/8 Gb de RAM, 128/256 Gb de SSD, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, LTE/3G opcional, USB 3.0, HDMI, Ethernet, porto serie, GPS, batería substituíble cunha autonomía de ata 8 horas e unha resistencia de grado militar (MIL-STD-810G e IP65). Un tablet ideal para quen queira levar a oficina a costas, para poder traballar case en calquera lugar sen ter que temer pola integridade do seu equipo informático e coa comodidade de que adopte un formato moi portátil.
Máis discreto é o Toughpad JT-B1, que conta cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador TI OMAP4460 de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSDHC, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, LTE/3G opcional, micro USB, cámaras de 13 e 1,3 Mpíxeles e batería substituíble de 5.720 mAh (que podería achegar unha autonomía de ata 8 horas).
O Toughpad FZ-G1 estará dispoñible a partires de marzo a un prezo que parte dos 2.899 dólares, mentres que o Toughpad JT-B1 chegará en febreiro a un prezo de a partir de 1.199 dólares.

O novo tablet reforzado de Panasonic con Windows 8 destaca polo seu grosor e peso reducidos

PUBLICIDADE