Palm, o ultramóbil que substitúe ao noso smartphone en viaxes e aventuras, chega ás tendas de Vodafone

mércores, 28 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone España achega esta semana unha relevante novidade ao mercado estatal. Trátase de Palm, o novo dispositivo ultramóbil que se conecta con Vodafone OneNumber, converténdose nun complemento do noso móbil intelixente empregábel co número de teléfono deste, coa mesma experiencia que este pon en xogo e con idénticas prestacións para compartir voz, mensaxes e datos cá tarifa actual que teñamos contratada. O aparello, amais, salienta por combinar, en palabras da operadora, “os mellores elementos de conectividade dos wearables e os smartphones”.
A operadora tamén destaca de Palm as súas capacidades de smart e o seu reducido tamaño (ten a dimensión e a feitura dun cartón de crédito), deseñado “como o compañeiro perfecto do móbil para que os usuarios poidan estar sempre conectados, sen levar o seu smartphone consigo”. Amais, é especialmente axeitado para carrexalo nos nosos desprazamentos en bicicleta, para levalo como colgante ou ben no peto do noso abrigo ou mochila.
Outro dos puntos fortes do aparello é a marxe de personalización que achega: é acaído para carreiras matutinas, para escapadas de fin de semana ou para saídas nocturnas con amigos. As súas funcións intelixentes como o Modo Vida permiten ademais eliminar as distraccións ao silenciar as chamadas e notificacións cando a pantalla está apagada (agás que esteamos a realizar unha chamada, escoitando música ou utilizando o GPS). Cando se acende a pantalla, Palm vólvese a conectar completamente.
Palm dispón do sistema operativo Android e é compatíbel con todas as aplicacións de Google Play. Vodafone salienta igualmente que está deseñado cunha “innovadora pantalla de inicio” concibido para que acceder ás nosas aplicacións favoritas sexa o máis práctico posíbel.
Por certo que o dispositivo é resistente ao po e á auga e incorpora dúas cámaras, unha traseira de 12 megapíxeles e unha frontal de 8 megapíxeles. Palm tamén pode desbloquearse mediante recoñecemento facial e actívase por voz co asistente de Google, o que lle permite reproducir música, crear eventos, responder a mensaxes de texto e obter rutas de navegación só coa voz.
Palm estará dispoñíbel en cor negra na tenda online de Vodafone e nos seus establecementos físicos a partir do 10 de decembro cun prezo libre de 410 euros.

PUBLICIDADE