Palm anuncia o seu propio UMPC

xoves, 31 de maio do 2007 Marcus Fernández

Palm é unha empresa que sempre apostou pola mobilidade, creando os PDA máis populares do mercado e incluso un sistema operativo para os mesmos (o Palm OS, que será descontinuado en breve). Actualmente os PDA están a ser substituídos polos smartphones (ou teléfonos intelixentes) dos que o Palm Treo é o mellor expoñente da compañía, que podería verse eclipsado polo anuncio do Palm Foleo, que abrirá unha nova liña de produtos, xa que vén a ser un ordenador ultra-portátil que se anuncia para o verán.

O Foleo sería o irmán maior de tódolos produtos de Palm, que cunha pantalla de 10,2 polgadas, un teclado completo e un peso de pouco máis de 1 quilogramo incorpora conectividade Bluetooth e Wi-Fi e é capaz de navegar pola Internet, visualizar documentos PDF e editar documento de Word, Excel e PowerPoint.
Ademais, o Palm Foleo destaca polo seu rápido arranque, xa que non ten disco duro (pois conta cunha unidade baseada en semicondutores); aínda que a moitos aínda sorprende máis que non teña toma Ethernet para conectalo a redes de datos (o que se pode suplir tanto a través de Wi-Fi como a través de adaptadores USB).
O prezo de venda do novo equipo baseado en Linux será de 599 dólares, aínda que no seu lanzamento se comercializará a 499 dólares (370,87 euros) a xeito de promoción.

PUBLICIDADE