PS Plus sorprende con Final Fantasy VII Remake en marzo

venres, 26 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

A selección de xogos que chegarán a PlayStation Plus o vindeiro 2 de marzo sorprendeu enormemente, xa que o shooter de acción en terceira persoa Remnant: From the Ashes para PS4, o quebracabezas en primeira persoa Maquette para PlayStation 5 e Farpoint para PlayStation VR estarán acompañados por un supervendas: Final Fantasy VII Remake na súa versión para PlayStation 4.
Que a primeira entrega do remake do clásico xogo de rol de Square Enix chegue a través de PlayStation Plus non sería tan sorprendente se non fose polo feito de que poucas horas antes deste anuncio adiantouse nun State of Play que o 10 de xuño chegaría a PlayStation 5 Final Fantasy VII Remake Intergrade, ou sexa, unha versión mellorada do remake para tirar proveito da potencia gráfica da PS5, que permitirá aos xogadores elixir entre gozar de detallados gráficos en 4K ou dun modo acción para que se manteñan de xeito estable os 60 fotogramas por seguindo. Esta revisión tamén incluirá un novo episodio protagonizado por Yuffie.
Dende Sony destacaron que os compradores de Final Fantasy VII Remake en físico ou dixital para PS4 poderán gozar de balde da versión mellorada para PlayStation 5, aínda que se non dan o salto á nova consola e queren gozar do episodio adicional terán que comprar por separado tal contido. Por desgraza, quen se faga co xogo de PS4 a través de PlayStation Plus non poderá gozar de balde da súa revisión para PlayStation 5.

Vídeo promocional do Final Fantasy VII Remake Intergrade

PUBLICIDADE