PL-521, pantalla LCD dinamizadora de relatorios

mércores, 25 de abril do 2007 Raquel Noya

Wacom, o fabricante líder no mercado das pen tablets e monitores interactivos de lapis, vén de presentar o seu último trebello, o PL-521, unha pantalla LCD de 15 polgadas e alta resolución XGA de 1024 x 768 píxeles, pensada sobre todo para aquelas compañías ou centros de formación que precisen facer uso de salas de conferencias e de reunións para o seu traballo cotián.
Este dispositivo vén equipado cun lapis dixital que permite ós usuarios escribir, facer notas e navegar directamente sobre a pantalla, o que fai deste aparello unha ferramenta innovadora e (en aparencia) moi útil para ofrecer presentacións e conferencias máis dinámicas do que adoitan ser (algo que agradecerán abondo os asistentes, por non falar dos estudantes de instituto que decote rematan por botar sonecas perante o mesmísimo mestre).
O PL-521 ten un deseño elegante e contemporáneo, cun formato pequeno e robusto para minimizar o espazo que ocupa no escritorio, unha característica tamén favorecida polo soporte axustable co que conta, que permite cambiar a posición da pantalla dende 140 graos horizontais ata 130 graos verticais.
Esta tecnoloxía patentada por Wacom ofrece unha ferramenta natural para escribir a man, anotar e navegar directamente co lapis (que funciona sen fíos e sen pilas) por enriba dos contidos da pantalla, podéndose empregar tamén como punteiro láser virtual.
Os responsables da marca aseguran que “as sesións de colaboración son máis efectivas grazas ó monitor interactivo co lapis PL e a comunicación mellora porque a presentación pode ser levada a cabo directamente sobre a pantalla sen que o presentador teña que darlle as costas ó auditorio”.
O PL-521 xa está dispoñible nas tendas especializadas dende comezos deste mes, a un prezo que rolda os 1.000 euros.

PUBLICIDADE