PES 2012 3D permitirá competir en liña

xoves, 13 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Os seareiros dos xogos de fútbol que conten cunha Nintendo 3DS estarán encantados de saber que Konami vén de anunciar que o novo Pro Evolution Soccer 2012 3D vai contar con novidades como a posibilidade de participar en partidos en liña de varios xogadores, así como gozar da licenza exclusiva da UEFA Champions League, o que facilitará a recreación desta competición na consola portátil de Nintendo.
O xogo ofrecerá control total en cada pase, pase ao oco, entrada e disparo de cada xogador, movemento accesible a través do stick analóxico e os botóns ou tamén mediante a pantalla táctil da consola, á vez que tamén ofrecerá distintos puntos de vista que permitirán tirar proveito da espectacularidade da pantalla 3D da nova portátil.
PES 2012 3D tamén contará co modo de xogo Liga Máster, que tanta diversión achegou nas versións para consolas domésticas do xogo, como a opción de Ser una Leyenda. A estes modos incorporaranse na nova entrega os modos Liga e Copa, Adestramento Libre e o modo Edición (que permitirá axustar e editar as características dos xogadores e a súas equipacións).
Polo momento non se coñece a data de lanzamento do prometedor xogo.

PUBLICIDADE