PC Fútbol 8 volve demorar o seu lanzamento indefinidamente
venres, 13 de setembro do 2024
Aínda que tras numerosos adiamentos se fixara o lanzamento de PC Fútbol 8 para o 12 de setembro ás 19:30 horas, poucas horas antes de cumprirse o prazo indicado, os usuarios que pagaron anticipadamente polo xogo recibiron unha mensaxe que indicaba que tiveran un problema de última hora, que xa resolveron, o que levou a adiar o xogo un día máis, engadindo un detalle que sorprendente: comprometíanse a mandar aos medios de comunicación unha versión de demostración esta mesma mañá.
Como era de prever, a prensa non recibiu nada esta mañá, nin o responsable do xogo, Héctor Prats, respondeu ás numerosas consultas que se lle facían; e cando chegou a hora na que supostamente tiña que saír o xogo esta tarde, recibiron unha comunicación máis de Prats, na que desta volta xa non ousa a pór ningunha data de lanzamento e asegura, unha vez máis, que «o vindeiro e-mail que vas recibir será de aviso de descarga».
Estamos a falar de tres mentiras en menos de 48 horas, deixando quedar a reputación de Prats e da marca PC Fútbol peor do que xa estaba, e facendo que o foro oficial do xogo, no que apenas quedaban uns cantos fieis que confiaban no seu lanzamento, amosasen claramente a súa indignación, ante a acumulación de compromisos incumpridos sen explicación convincente.
O streamer galego VirtuaNEStor asegura que lle chegou información apuntando a que o xogo estaría nunha situación crítica, pois só quedaría un traballador involucrado no seu desenvolvemento, quedaría moito traballo por facer, e xa non habería efectivo para afrontar gastos como as devolucións que esixen a meirande parte dos compradores que pagaron con tarxeta bancaria (ao parecer, os que recuperaron os cartos son os que pagaron a través de PayPal).
Malos tempos para os seareiros da franquía PC Fútbol, que de querer rememorar os vellos tempos en vez de agardar infinitamente polo PC Fútbol 8 teñen unha opción mellor somerxéndose nas páxinas da última publicación de GamePress, Los PC Fútbol de Dinamic Multimedia, que saíu á venda onte mesmo.