PALEXCO acolle unha exposición que tira proveito da realidade aumentada

venres, 22 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A Sala Municipal de Exposicións de PALEXO acolle desde onte a mostra ​Ana Juan. Debuxando​ ao alén, unha mostra interactiva que recolle o traballo da artista, recoñecida co Premio Nacional de Ilustración no ano 2010, que poderá verse na Coruña até o 29 de xullo. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a proposta, que definiu como «un logro estético, formal, artístico e obxecto de interese para todas e todos os públicos». O responsable municipal estivo acompañado pola propia artista, así como a comisaria, Nuria Rodríguez, e Santiago Herrero, director de programación de Acción Cultural Española (AC/E), entidade coa que se organizaou a exposición.
A mostra propón unha aproximación aos procesos creativos que desenvolve Ana Juan e que corresponden, á súa vez, a dous dos traballos editoriais máis coñecidos da artista, como son ​Otra vuelta de tuerca (a adaptación da obra de Henry James), na que mostran os orixinais elaborados con​ técnica mixta, e ​Snowhite (a adaptación do conto de ​Brancaneve dos Grimm), un rexistro gráfico distinto ao anterior, realizado en branco e negro. «A mostra propón unha nova e orixinal forma de descubrir o universo creativo e a obra dunha das grandes figuras da ilustración, como é través dunha aventura gráfica e interactiva que converte ás e aos visitantes en protagonistas», apunta o concelleiro. Así, partindo de ​Snowhite, o proxecto expositivo propón un reto interactivo para o público, o xogo ​Erthaland, Snowhite’s Mystery Tale, que expande a propia narración á sala de exposicións do PALEXCO para que as e os espectadores, grazas á realidade aumentada, poidan percorrer tanto o lugar no que se desenvolve cada escena como interactuar coas personaxes da obra de Ana Juan.
Este traballo de adaptación dixital foi posible grazas á colaboración dun equipo interdisciplinar formado por investigadoras e investigadores da Facultade de Belas Artes e da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da Universidade Politécnica de Valencia. «Erthaland converte a sala de exposicións nun auténtico taboleiro de xogos, con retos para o público», apuntou a comisaria da mostra.
Neste sentido, a propia creadora salientou «a integración nas novas tecnoloxías cun proceso de traballo pensado e dirixido ao papel», engadindo que «o resultado é moi interesante, xa que, por unha banda, conta o propio proceso creativo que acompaña aos libros a través dos seus bosquexos e, por outra, adapta a realidade aumentada a un proceso tan antigo como é o debuxo sobre papel, o que permite dar unha nova lectura a ​Snowhite». A autora tamén apuntou que «agora, ofrecemos unha nova lectura grazas á tecnoloxía, para que cadaquén poida ter unha nova visión desta obra».

PUBLICIDADE