OwnFone permite personalizar os seus móbiles con letras en Braille

luns, 19 de maio do 2014 Marcus Fernández

Hai un par de anos OwnFone destacou no Reino Unido coa comercialización de teléfonos moi básicos e personalizables, que resultarían ideais para xente maior ou para cativos, e que agora, grazas á tecnoloxía de impresión 3D, ofrecen unha agardada opción: a posibilidade de que os seus botóns presenten letras en Braille (ou texto ordinario en relevo) de xeito que os invidentes poden gozar dun terminal desenvolvido pensando neles.
O terminal de OwnFone para invidentes busca un deseño minimalista, e pode encargarse/personalizarse vía web. O seu prezo sería de 60 libras esterlinas (73,59 euros) e pretendería ser moi sinxelo, pois non podemos esquecer que actualmente é posible empregar smartphones por parte de usuarios con deficiencias visuais grazas a distintas tecnoloxías de accesibilidade que integran actualmente os dispositivos móbiles (entre os que Apple parece ser a compañía que leva a dianteira).

PUBLICIDADE