Ouvirmos edita a Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro

mércores, 16 de abril do 2008 Raquel Noya

A Casa das Campás de Pontevedra vén de acoller a presentación da Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro, editada por Ouvirmos, nun acto que contou coa presenza de Luís Ferreiro, en representación da Fundación Celso Emilio Ferreiro, da concelleira de Cultura da cidade do Lérez, Lola Dopico e de Xurxo Souto, autor do texto que documenta e guía a escoita dun dos CDs que acompaña a devandita Fotobiografía.
Trátase dun anovador volume que nos aproxima a “unha das voces líricas máis importantes da nosa literatura”, a través de máis de cen fotografías do seu álbum familiar e diversas reproducións das máis importantes portadas das súas obras.
Acompañando a esta selección fotográfica de Carlos Díez e comentada por Ramón Nicolás, inclúense dous CDs; un deles recolle a voz do autor recitando os seus textos e o outro ofrece unha selección das cancións compostas cos seus poemas por artistas de renome como Suso Vaamonde, María Manuela, Los Tamara ou Fuxan os Ventos.
O propio Xurxo Souto Eiroa, músico e director de programación da Radio Galega, foi o encargado de documentar e guiar a escoita deste último CD.