Outlook para Mac pasa a ser de balde

mércores, 8 de marzo do 2023 Marcus Fernández

A aplicación de Outlook é de uso habitual en moitos contornos corporativos para o acceso ao correo electrónico e para organizar o calendario, dependendo habitualmente dunha subscrición a Microsoft 365, pero a versión para macOS vén transformarse nunha aplicación de balde, de xeito que os usuarios de ordenadores de Apple poden facer uso da aplicación de Outlook para Mac como alternativa das aplicación de correo e calendario nativas de macOS.
A aplicación de Outlook é compatible con contas de correo electrónico de Gmail, iCloud, Yahoo! e Outlook.com, así como calquera servizo de correo electrónico que faga uso de IMAP, polo que resulta moi práctica para poder acceder a distintas contas de correo dende un único sitio.
Cómpre salientar que a nova aplicación incluso está optimizada para procesadores Apple Silicon, presentando un desempeño mellor que anteriores versións e incluso velocidades de sincronización máis rápidas. Tamén fai uso de recordatorios no centro de notificacións.
Haberá que ver se a posibilidade de gozar desta aplicación de balde dispara o seu uso en macOS até o punto de facer que as aplicacións correspondentes de Apple caian en uso.

PUBLICIDADE