Ourense loce atractivos turísticos nun servizo gratuíto de audioguías

luns, 17 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ourense quere facilitar as estadías dos visitantes na cidade, mellorando a súa experiencia e, sobre todo, facilitándolles información de valor sobre Ourense, o seu pasado e o seu presente. Para isto, este mes de setembro o Goberno local lanzou un servizo de audioguías de balde a disposición dos turistas. Fíxoo a través do espazo web turismodeourense.gal e coa ollada posta nos móbiles e nas tabletas dos visitantes, que son as tecnoloxías que facilitarán a audición das 20 pílulas informativas dispoñíbeis xa en galego, castelán e inglés.
As pílulas achegan completa información sobre os principais recantos da cidade dende o punto de vista cultural, histórico ou de lecer.
Jorge Pumar, concelleiro de Turismo e Termalismo, definiunas como “un servizo máis á disposición do turista que visita a nosa cidade, e un recurso para coñecer os lugares máis emblemáticos”.
As audioguías cobren o Ourense monumental, facendo paradas na Praza Maior e na súa contorna (o antigo Pazo Episcopal, a igrexa de Santa María Nai ou o pazo dos Oca-Valladares), nas Burgas ou en lugares "con encanto" do centro histórico, como poden ser a praza do Ferro, a igrexa de Santo Domigo ou a Trinidade. Asemade, introdúcense nos espazos expositivos, caso do Museo Municipal ou o Belén de Arturo Baltar e mesmo o Claustro de San Francisco e o Centro Cultural Marcos Valcárcel.
As explicacións das Audioguías, elaboradas desde a propia Concellería de Turismo e Termalismo, viaxan por toda a cidade e fan un percorrido polas pontes, tanto a Vella coma a do Milenio, pero tamén visitan lugares coma o núcleo de interese etnográfico de Seixalbo ou a rúa do Paseo.

PUBLICIDADE