Ourense convértese oficialmente en cidade Wi-Fi

xoves, 2 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Un grupo de cativos celebrando o WiFiDay ourensán; imaxe achegada por La Vida Wi-Fi

Ourense xa é unha cidade Wi-Fi por dereito propio, e esta semana foi a da confirmación definitiva deste punto. A nova chegounos de maneira dupla: por unha banda a través da presentación oficial do servizo de acceso a Internet de balde por parte do Concello e, pola outra, coa primeira edición do WiFiday de Ourense, unha festa que complementou a estrea da infraestrutura con todo tipo de actividades: entrega de agasallos, torneos entre colexios, probas co novo equipamento, etc. Segundo se informa dende a web La Vida Wi-Fi a través dun máis que completo seguimento destas actividades (incluíndo unha chea de textos e imaxes), o servizo posto en marcha polo Concello de Ourense achegará Internet gratuíto a tódolos veciños e visitantes nun total de 53 puntos Wi-Fi distribuídos por toda a cidade e polas parroquias da contorna.

Tras este proxecto atópase o propio Goberno local e máis a empresa Gowex, encargada dos traballos de despregue da infraestrutura precisa, entre outros labores. O resultado de todo isto é unha porcentaxe de espazo urbano con cobertura en liña sen fíos do 30%, coa vantaxe de que non só abrangue o centro de Ourense, senón que tamén (e co fin de loitar contra a fenda dixital) se estende aos arredores.

Con todo, entre os emprazamentos con cobertura inclúense os emprazamentos especialmente concorridos, como por exemplo as termas das Burgas, o Parque de San Lázaro ou a Alameda. O radio de acción Wi-Fi chega tamén á parroquias de Quintela, Cudeiro, Palmés, Vilar, Velle, Ceboliño, Canedo, Eirasvedras, A Lonia, Oira, Rairo, Santa Mariña e O Castro, que disporán dun total de 16 puntos Wi-Fi.

Segundo informa Gowex, para conectármonos á rede só teremos que emprazarnos preto dun punto de emisión, atopar o sinal dende o noso dispositivo (que poderá ser de calquera índole) e conectármonos á Rede. O portal de validación e de entrada da rede que se nos aparece é Wiloc, a plataforma xeolocalizada de Gowex que subministra información dos servizos e lugares de interese situados na zona concreta na que se fai a conexión. A velocidade de navegación é de 512 kbps para a conexión de balde e, de maneira paralela, a devandita empresa porá en xogo unha tarifa plana de 8 euros mensuais que cubra a demanda dos internautas que requiran tempo ilimitado de conexión e unha velocidade de 3 megas.

Por certo que na presentación oficial do servizo fixo acto de presenza o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, quen fixo un percorrido polas principais vantaxes do proxecto Ourense Wi-Fi (así se chama esta iniciativa de dixitalización), segundo fixo saber un proxecto pioneiro en España no eido das capitais provinciais e que non vulnera a competencia de mercado deste tipo de achegas. Ao seu xuízo, o esforzo despregado no terreo legal foi grande, ao igual que a aposta do Goberno local polas novas tecnoloxías, unha aposta que sitúa a Ourense á vangarda da Sociedade da Información en España.

PUBLICIDADE