Ourense celebrará un evento TEDx de seu

luns, 4 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Os eventos locais independentes con relatorios con formato TED chegaron á nosa terra en 2010 coa primeira edición de TEDxGalicia, para conseguir consolidarse ao ano seguinte nunha xornada de maior entidade celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A existencia de eventos TEDx en Galicia con carácter anual non impediu que se celebrasen outros encontros cun carácter máis local (TEDxRúaSanFroilán e TEDxMondoñedo), que en boa medida diluíron a marca, de aí que non sorprendese que TEDxGalicia dixese adeus hai 2 anos. Agora temos un novo evento TEDx en Galicia, que celebrarase o 30 de novembro no Auditorio Municipal de Ourense (na rúa Emilia Pardo Bazán, 50) e levará por nome TEDxXardíndoPosío.
Este novo encontro asegura pretender colocar a Ourense como referencia intelectual preto dun século despois da creación do Grupo Nós. Querendo recuperar aquela inquietude chega TEDxXardíndoPosío, evento que en breve terá dispoñible a compra de billetes, e que en vez de adoptar o formato de intervencións de 18 minutos de curación como máximo, aposta por limitar os relatorios a 10 minutos, permitindo así a intervención de 15 relatores que irán desvelando nos vindeiros días e que abordarán temas como a tecnoloxía, a educación, a innovación, a ciencia...

PUBLICIDADE